Ferrol: González Llanos e a eliminación dos restos do franquismo

Ferrol: González Llanos e a eliminación dos restos do franquismo

Por Agencia Mp3*. LQSomos.

González Llanos ten condecoracións que recoñecen o seu apoio á sublevación de 1936 e ao exército fascista durante a Guerra Civil. Recibe do goberno franquista a “Medalla de la Campaña (1936-1939)”, condecoración militar concedida entre 1938 e 1939, destinada a premiar tanto accións de vangarda (combate) como na retagarda

O goberno municipal de Ferrol debe executar o acordo plenario do 31 de marzo, aprobado sen ningún voto en contra, e acabar cos restos do franquismo.

Nota de prensa:

O Pleno de Ferrol do pasado 31 de marzo, que acabou pasadas as 12 da noite, aprobaba unha moción, a iniciativa do colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura e sen ningún voto en contra (voto a favor do PSOE, Ferrol en Común e BNG, abstención do PP), co seguinte acordo:

1. Trasladar ao Ministerio de Defensa a petición de que as rúas alternativas para o Arsenal sexan as apoiadas polos militares asinantes do Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadas.
2. Retirar a distinción de Fillo Predilecto de Ferrol a Salvador Moreno Fernández.
3. Retirar a distinción de Fillo Predilecto a José María González-Llanos y Caruncho, así como a estatua que ten na rotonda do barrio de Esteiro.
4. Retirar da igrexa castrense de San Francisco a placa de homenaxe da Armada ao Cruceiro Baleares.
5. Instar ao goberno municipal a que realice xestións co bispado de Mondoñedo-Ferrol para retirar da igrexa de San Francisco a cruz dos “Caídos por Dios y por España”, así como a placa nesa igrexa con referencia ao bautismo do “Generalísimo”.
6. Instar ao goberno municipal para que solicite ao Ministerio de Defensa que os restos de Salvador Moreno Fernández e Francisco Moreno Fernández sexan retirados do Panteón de Mariños Ilustres de San Fernando (Cádiz).

A retirada de distincións a Salvador Moreno Fernández e José María González Llanos y Caruncho estaba xustificada porque a ministra de Defensa Margarita Robles retiraba a estes dous militares as súas rúas do Arsenal Militar de Ferrol mediante unha Resolución de 17 de marzo de 2022. Por outra parte, o pleno de 2 de marzo de 1981 da primeira corporación democrática de Ferrol retiraba as rúas de Salvador Moreno (hoxe Irmandiños), González Llanos (hoxe Circunvalación) e Crucero Baleares (hoxe Rampa). Retiraba tamén as rúas de General Franco (Real), Parque Camilo Alonso Vega (Alexandre Bóveda), General Mola (Carmen), General Aranda (Sol), Primo de Rivera (Terra), Parque Camilo Alonso Vega (Alexandre Bóveda); de signficados golpistas que, como membros da Armada participaron ou apoiaron a sublevación militar e fascista contra o goberno lexítimo e democrático da República: Luis Carrero Blanco (Castelao), Almirante Fernández Martín (agora Eduardo Pondal); Almirante Vierna (San Francisco), Marqués de Alborán (refírese ao almirante da Armada Francisco Moreno Fernández) hoxe Praza de Armas. Tamén cambiaron o nome de rúas de falanxistas: Salgado Torres (hoxe Alcalde Quintanilla Martínez); José Antonio Girón (Ricardo Carballo Calero); a rúa do alcalde da ditadura, Eduardo Ballester, pasou a denominarse Euskadi.

O pleno de 30 de xullo de 2018 acordaba a retirada de toda a simboloxía franquista que aínda quedaba en Ferrol, e tamén retirar do salón de plenos os retratos de alcaldes na ditadura até 1979, entre eles o de Joaquín González-Llanos y Galvache (foi tamén director axunto de Astano), fillo de José María González-Llanos y Caruncho.

O Pleno de Ferrol de 25 de abril de 2019, a iniciativa do noso colectivo, retiraba a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo de Ferrol, concedida en 1965 cando era ministro da ditadura. Ese mesmo pleno acordaba “revisar as distincións honoríficas outorgadas durante a ditadura franquista con fin de anular as que teñan vinculación con este réxime”. Esa ditadura foi cualificada como “un réxime Fascista baseado no modelo da Alemaña nazi de Hitler e a fascista de Mussolini”, como sinalaba a Resolución 39 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas de 12 de decembro de 1946. Sublevación militar e fascista de 18 de xullo de 1936 que asasinou a máis de 1.000 persoas da nosa comarca entre elas o Alcalde Quintanilla Martínez ou o xefe do Arsenal, contralmirante Antonio Azarola. Acabada a chamada Guerra Civil, un xenocidio en Galiza con máis de 5.000 persoas asasinadas, a ditadura franquista ordenou o fusilamento de 200.000 persoas en todo o Estado e 750.000 estiveron en cárceres e campos de concentración. As demócratas, as traballadoras e traballadores de Ferrol non podemos esquecer o 10 de marzo de 1972, o terrorismo de Estado e a criminal represión da ditadura.

A Orde de decembro de 2009, da ministra de Defensa Carmen Chacón referíase a retirada do nomes de “militares e acciones de guerra”. Así en Talarn (Lleida), a instalación denominada General Martín Alonso pasaba a chamarse Academia General Básica de Suboficiales (este golpista, que chegou a ministro do Exército, aínda é hoxe Fillo Predilecto de Ferrol desde 1961). Esa Orde cambiaba a denominación de rúas dedicadas a accións de guerra como Castillo de Olite, barco do exército sublevado, e militares como General Moscardó, General Yagüe e General Varela.

Asistimos a un revisionismo histórico e a un branqueo das biografías. Aí está, como mostra, a escultura de Camilo Alonso Vega, sinónimo de represión para as demócratas e presas políticas, pero que aínda luce nunha estatua en Ferrol as credenciais de “Hijo Ilustre de la ciudad. Soldado heroico. Gobernante ejemplar. Paradigma de lealtades y generoso benefactor”.

O noso colectivo non entra na valoración de González-Llanos como enxeñeiro, profesor ou empresario, senón que esixe a aplicación da Lei de Memoria Histórica, é dicir, a retirada de distincións outorgadas na ditadura a persoas que participaron ou apoiaron o golpe de Estado de 1936 ou mantiveron vinculación con este réxime fascista, como recolle a moción aprobada no pleno de Ferrol de 25 de abril de 2019.

González Llanos ingresa na Armada como aspirante en 1913, con 14 anos. En 1919 era alférez de navío. En 1921-1922 participa no acoirazado Alfonso XIII na Guerra de Marrocos. En 1933 era enxeñeiro xefe do Estaleiro e en 1935 director da factoría de Ferrol da Sociedad Española de Construcción Naval (SECN).

González Llanos apoia a sublevación fascista de 1936, cesa como director da SECN e embarca volunariamente no cruceiro Canarias, como recolle José María Blanco Núñez, capitán de navío e Académico correspondente da Real Academia da Historia na súa publicación La Armada y los últimos cien años de la construcción naval militar. El Consejo Ordenador de Construcciones navales militares: “José María González Llanos, que a la sazón era capitán de corbeta e ingeniero naval, se embarcó inicialmente como segundo (7 de agosto de 1936) y enseguida de tercero del Canarias, llevando con él bastantes operarios de diversos talleres de maquinaria, electricidad y artillería para completar la dotación de dicho crucero; desembarcó el 7 de noviembre de 1936 en que, habilitado de capitán de navío, volvió a su puesto de Director de la Factoría de Ferrol, incautada por la Marina el 3 de agosto de 1936”.

O Canarias entra en servizo en setembro de 1936, sendo Francisco Bastarreche o seu comandante primeiro e participa na batalla de Cabo Espartel, afundindo ao destrutor da república Almirante Ferrándiz o 29 de setembro de 1936, quedando así libre o Estreito de Xibraltar para o paso do exército sublevado de África á península. O cruceiro Canarias tivo un papel moi destacado na actuación da Armada fascista. En febreiro de 1937, sendo o seu comandante Salvador Moreno Fernández, participou, xuntamente co cruceiro Baleares e o Almirante Cervera, no bombardeo de civís na chamada Desbandá, fuxida de miles de persoas pola estrada Málaga-Almería cando chega a Málaga o exército de Franco, provocando unha masacre con máis de 5.000 persoas mortas. O deputado do PSOE por Almería Indalecio Gutiérrez pedía ao Goberno que declare “La Desbandá” como lugar de memoria democrática. Decía este diputado: “Fue una barbarie, un éxodo de 150.000 a 300.000 personas, el mayor en Europa de población civil antes de la Segunda Guerra Mundial”.

Posteriormente o Canarias bombardea a cidade de Alacante o 15 de agosto de 1937. En 1938 bombardea o porto de Barcelona. O 6 de marzo de 1938 participa na batalla do cabo de Palos na que foi afundido o cruceiro Baleares.

Distintas institucións cualifican o Canarias como buque “sublevado contra o goberno democrático”. Así, o concello de Mijas, alcaldía socialista, lembraba a citada batalla e no pleno de febreiro de 2018 aprobaba por unanimidade (PSOE, PP e Cs) a colocación dunha placa no litoral en La Cala de Mijas, inaugurada en xuño dese ano, con este texto: “El ayuntamiento de Mijas en memoría de la tripulación del destructor Almirante Ferrándiz, buque de la II República Española. Fue hundido el 29 de septiembre de 1936 por el crucero Canarias, sublevado contra el gobierno democrático. Murieron entre 98 y 102 tripulantes. Diecisiete supervivientes fueron fusilados en San Fernando (Cádiz) el 1 de nero de 1937”.

Unha das catro hélices do cruceiro Canarias foi entregada pola Armada á cidade de Santa Cruz de Tenerife en 1980 e colocada no interior do porto da cidade. En cumprimento da Lei de Memoria Histórica, a Autoridade Portuaria, dependente do goberno de Canarias (presidencia do PSOE) retiraba esa hélice o 17 de febreiro de 2022 porque era un vestixio franquista. No Cabildo de Tenerife conservábase unha métopa (escudo de armas) do cruceiro Canarias, que foi retirada en 2018.

A deputada socialista e ferrolá María Paloma Rodríguez Vázquez reclamaba na Comisión Constitucional do Congreso o 17 de xuño de 2015 que os restos mortais de Salvador Moreno Fernández e do seu irmán Francisco se retirasen do Panteón de Mariños Ilustres de San Fernando (Cádiz), petición que aprobou novamente o pleno de Ferrol de 31 de marzo de 2022.

A dereita defendía en 1981, o mesmo que agora en 2022, manter os nomes das rúas de quen participaron no golpe de Estado de 1936, falanxistas e cargos públicos de ditadura, e refiríndose a González-Llanos dicía: “Se pretende eliminar del nomenclátor el nombre de un hijo predilecto de El Ferrol, el nombre de un hombre, que tanto ha hecho por elevar el nivel de los hijos de la comarca, creando miles de puestos de trabajo, generando mucha riqueza para El Ferrol” (Ramón de Vicente, de Coalición Democrática).

A estatua de González Llanos en Esteiro non foi unha iniciativa popular. Foi aprobada nunha corporación de 1998 con alcaldía do PP, que aportou 4,5 millóns de pesetas, e a estatua foi fundida nos talleres do Arsenal. Todo parece indicar que unha asociación de veciños puido ser utilizada como tapadeira para dar a imaxe de apoio popular a esta iniciativa, pero que detrás da comisión o principal promotor era un ex–secretario secretario xeral de Astano. A estatua convértese tamén nun recoñecemento ou homenaxe ao exército sublevado en 1936 e por iso aparece no pedestal a referencia “La Marina a su Contralmirante”. Lembremos que González-LLanos é Contralmirante Honorario desde 1958, é dicir, da Armada franquista.

González Llanos ten condecoracións que recoñecen o seu apoio á sublevación de 1936 e ao exército fascista durante a Guerra Civil. Recibe do goberno franquista a “Medalla de la Campaña (1936-1939)”, condecoración militar concedida entre 1938 e 1939, destinada a premiar tanto accións de vangarda (combate) como na retagarda.

As persoas que participaron ou apoiaron a sublevación fascista de 1936 contra un goberno democrático, como é o caso de Salvador Moreno Fernández e José María González Llanos y Caruncho, non poden manter rúas, distincións honoríficas ou estatuas porque sería un desprezo ás vítimas do franquismo, un claro incumprimento de acordos plenarios de Ferrol desde hai máis de 40 anos, das Ordes e Resolucións do Ministerio de Defensa e da Lei de Memoria Histórica que no seu artigo 15 sinala: “As Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”.

* Presas/os políticas/os de Ferrol na ditadura:
Rafael Pillado Lista, Francisco Rodríguez Sánchez, Sari Alabau Albors, Vicente Couce Ferreira, Raúl Pillado Lista, Alfonso Tellado Sande, Antón Martínez Aneiros, Xosé Piñeiro Arnoso, Anxo Ferreiro Currás, Ignacio Fernández Toxo, Fina Varela Fontán, José María Freire Piñeiro, José Loureiro Fernández, Manuel Monge González e Ricardo Aneiros Sixto.

Galiza – LoQueSomos

Síguenos en redes sociales… Mastodon: @LQSomos@nobigtech.es Diaspora*: lqsomos@wk3.org Telegram: LoQueSomosWeb Twitter: @LQSomos Facebook: LoQueSomos Instagram: LoQueSomos

LQSomos

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Nos obligan a molestarte con las "galletitas informáticas". Si continuas utilizando este sitio aceptas el uso de cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar