A Coruña: Manifesto ‘Non queremos a Manuel Fraga como fillo adoptivo’

Por Axencia LQS
“O ditador Franco sempre estivo moi agradecido ao “Camarada Fraga” (era o tratamento entre os fascistas, como recollía o BOE de 9 de febreiro de 1961) polos servizos prestados á ditadura: ‘Cesa el camarada Manuel Fraga Iribarne en el cargo de Delegado Nacional de Asociaciones de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, agradeciéndole los servicios prestados’”.
Nota de prensa do colectivo de presas políticas na ditadura. Manifesto de vítimas do franquismo da comarca da Coruña:
Non queremos a Manuel Fraga como fillo adoptivo
O Pleno da Deputación da Coruña distinguía a Manuel Fraga Iribarne como Fillo Adoptivo da provincia o 27 de novembro de 1965. En Betanzos Fraga dá nome a unha avenida e recibía a Medalla de Prata o 11 de febreiro de 1966. Manuel Fraga Iribarne recibía o título honorífico de “Fillo Adoptivo” da Coruña o 24 de decembro de 1968. Recibía todas estas distincións cando era ministro da ditadura e participaba na represión criminal.
Pasaron xa case 60 anos e como persoas que sufrimos a represión da ditadura –presas e presos políticos, familiares de vítimas do franquismo– queremos manifestar tolerancia cero co franquismo porque cando se van cumprir 50 anos do pasamento do ditador Franco, asistimos a unha ofensiva das forzas da dereita e ultradereita, todas con raíces franquistas, que poñen en perigo a democracia e as conquistas sociais. Ningún ministro de Franco pode seguir mantendo distincións honoríficas polos servizos prestados a unha ditadura criminal, que era cualificada así na Resolución 96 da Asemblea Xeral da ONU de 12 de decembro de 1946: “En natureza, estrutura e conduta xeral, o réxime de Franco é un réxime de carácter fascista, establecido en gran parte grazas á axuda recibida da Alemaña nazi de Hítler e da Italia fascista de Mussolini”
Un colectivo de 44 presas e presos políticos de Galiza na ditadura, co apoio de 63 historiadoras e 56 entidades de toda Galiza, promoviamos en decembro de 2018 o manifesto NON QUEREMOS O “CAMARADA FRAGA” COMO FILLO ADOPTIVO. Anteriormente, a CRMH da Coruña promovía en 2009 o manifesto Os tempos son chegados. Pola retirada da simboloxía franquista da Coruña e as distincións honoríficas a Franco e a todos os ministros da ditadura.
O Pleno de Ferrol de 25 de abril de 2019 acordaba retirar a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, concedida en 1965, cos votos a favor de Ferrol en Común, PSOE e BNG. O pleno de Cedeira de 9 de marzo de 2020 acordaba, votos a favor de PSOE e BNG, cambiar o nome da avenida Manuel Fraga, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, que pasa a chamarse Fraternidade, e o Pleno de 2 de outubro de 2020 retiraba a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, concedida en 1967, e a outros ministros da Ditadura. O Pleno de Cariño de 6 de febreiro de 2025 acordaba, votos a favor de BNG e PSOE e abstención do PP, cambiar o nome da avenida Manuel Fraga.
O ditador Franco sempre estivo moi agradecido ao “Camarada Fraga” (era o tratamento entre os fascistas, como recollía o BOE de 9 de febreiro de 1961) polos servizos prestados á ditadura: “Cesa el camarada Manuel Fraga Iribarne en el cargo de Delegado Nacional de Asociaciones de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, agradeciéndole los servicios prestados”.
Manuel Fraga tivo unha traxectoria de máis de 35 anos de militancia fascista, afiliándose a Falanxe en 1937; militante e delegado de curso do SEU (Sindicato Español Universitario de Falanxe Española). Ocupou desde 1951 numerosos cargos políticos na ditadura: conselleiro nacional do Movemento (o partido único); membro do Consello Nacional de Falanxe, Presidente do Instituto de Estudos Políticos, procurador das Cortes franquistas, membro do Consello de Estado.
Esta era a opinión de José Bergamín, escritor, poeta e dramaturgo, que despois do golpe fascista de 1936 presidiu no exilio a Alianza de Intelectuais Antifascistas: “En mi vida he visto mucha gente con fama de fascista o que quería profesar el fascismo, pero sólo he conocido dos de verdad: uno fue José Calvo Sotelo, la otra es Manuel Fraga”. Para José Manuel Caballero Bonald, escritor e premio Cervantes 2012, “Fraga se convirtió en uno de los máximos secuaces de la camarilla de Franco y sus actuaciones represivas propiciaron durante años la falta de libertades y la persecución de disidentes. Fue en puridad un cómplice de algunos de los asesinatos llevados a cabo en la última década del franquismo”.
Xuntamente con outros ministros da ditadura franquista, coñecidos como os “Siete Magnificos”, Fraga promove Alianza Popular (AP), que se convertería en Partido Popular (PP) en 1989, e preside o congreso fundacional. Os medios de comunicación recollían así as raíces franquistas deste partido: “NEOFRANQUISTAS ENTUSIASMADOS CELEBRARON SU PRIMER CONGRESO. Los siete líderes de Alianza Popular anunciaron su federación y el paso hacia un partido único. Gritos de Franco, Franco de 3.000 fervorosos congresistas” (Portada do xornal Diario 16 de 7 de marzo de 1977).
Na folga da minería asturiana de 1962 Fraga chamaba “piojosas” ás mulleres dos mineiros que foron rapadas no cuartel da Garda Civil, golpeadas, humilladas e paseadas polas rúas de Langreo. Entra no goberno de Franco en 1962 como ministro de Información e Turismo e foi partícipe e cómplice de toda a política represiva que se aprobaba no Consello de Ministros: fusilamentos, cárceres, campos de concentración, despedimentos, exilio, Tribunal de Orde Público (TOP), graves violacións dos dereitos humanos, expedientes a xornalistas, peche de medios de comunicación e asasinatos de traballadores. Abandona o goberno de Franco en 1969, pero regresa ao Consello de Ministros co último Goberno de Carlos Arias Navarro, sendo vicepresidente para Asuntos de Interior e ministro da Gobernación. Durante o seu mandato neste ministerio, de decembro de 1975 a xullo de 1976, a policía asasinaba a cinco traballadores en Vitoria con motivo dunha folga laboral. No tradicional Vía Crucis que organizaban os Carlistas en Montejurra (Navarra), un grupo de fascistas, dirixidos por un comandante do exército, asasinaba dúas persoas.
Fraga participou activamente na política de represión contra o idioma galego e os medios de comunicación. Só no período de abril de 1968 até abril de 1969, Fraga abriu 201 expedientes administrativos que, en aplicación da Lei de Prensa e Imprenta de 1966, culminaron en 118 sancións. Durante os meses previos á concesión do título de Fillo Adoptivo da Coruña, Fraga sancionaba con cinco multas a La Voz de Galicia pola publicación de artigos de opinión e noticias sobre as folgas de estudantes e multaba con 50.000 pesetas ao subdirector dese xornal, Francisco Pillado Rivadulla, pola publicación o 26 de xullo de 1968 do artigo de Augusto Assía “Sobre el idioma gallego”. Fraga perseguiu especialmente a obra de Castelao, prohibindo a difusión de Sempre en Galiza. Alberto Míguez foi multado con 50.000 pesetas e condenado polo Tribunal de Orden Público (TOP) a seis meses de cárcere pola publicación en 1965 de “El pensamiento político de Castelao” pola editorial Ruedo Ibérico.
Fraga xustificaba a represión e o Estado de Excepción de 24 de xaneiro de 1969 “para luchar contra las acciones minoritarias sistemáticamente dirigidas a alterar la paz española (…) y evitar que se arrastre a la juventud a una orgía de nihilismo y anarquía”. Mantiña excelentes relacións con fascistas e ditadores de todo o mundo como Hugo Banzer de Bolivia ou Pinochet de Chile. Xustificou os crimes dos GAL, manifestándose en 2002 contrario ao esclarecemento dos mesmos e cualificando ese terrorismo de Estado como “Movimiento de Autodefensa”. Despois do fracasado Golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981, manifestaba que os golpistas do 23-F “estaban llenos de buena voluntad”. Fraga sempre recoñeceu os seus servizos á ditadura e no libro de Vázquez Montalbán Mis almuerzos con gente inquietante (1984) dicía: “Serví lealmente a Franco. Serví al Estado franquista”. Nunca manifestou arrepentimento, nin pediu perdón polos crimes do franquismo.
Nicanor Acosta, preso político na ditadura, falaba dende o Escano Cidadán no Pleno da Coruña do 14 de xaneiro de 2019 e manifestaba: “Somos persoas que coñecemos ben a represión durante corenta anos de ditadura e sabemos o papel que xogou Manuel Fraga”, e acababa así a súa intervención: “Confiamos en que esta dignísima Corporación teña tolerancia cero co franquismo e os seus colaboradores, e que moito antes do mes de maio [eleccións municipais] retire a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo”. O Pleno da Coruña de maio de 2019 acordaba iniciar o expediente para retirar a Fraga a distinción de Fillo Adoptivo. Os tempos son chegados, é hora de culminar este longo proceso de case seis anos.
Por todo isto, as vítimas do franquismo da comarca da Coruña –presas e presos políticos, familiares de vítimas do franquismo–, co apoio de historiadoras, investigadoras, xente da cultura e entidades da comarca da Coruña, pedimos aos grupos da Deputación da Coruña e aos grupos municipais dos concellos da Coruña e Betanzos que presenten iniciativas para que se retire a Manuel Fraga todo tipo de distincións.
Como servidor do franquismo e ministro dunha ditadura criminal, Manuel Fraga non merece recoñecemento social, nin a distinción de fillo adoptivo.
Franquismo nunca máis!
– Persoas presas políticas da comarca da Coruña promotoras do manifesto:
Manuel Lourenzo, Celsa Díaz Cabanela, Nicanor Acosta, Gonzalo Porto, Luis Alonso, José Manuel González Gómez, Manuel Monge, Suso Díaz, Luis Moya Abian, Xosé Abad, Marisol García Juárez, Demetrio Vázquez, Margarida Vázquez Veras.
– Relación provisional de familiares de persoas asasinadas polo franquismo da comarca de Coruña, que apoian o manifesto:
Xosé María Palacios Ares, neto de Alejandro Basilio Palacios.
Natalia San Vicente Pellicer, neta de Manuel Carrera Miragaya.
Manuel Taboada Marzoa, sobriño de Joaquín Taboada Díaz.
Teresa López Casas, sobriña de Constantino López Marcos.
Francisco Lores Santacecilia, fillo de Francisco Lores López.
Silvia C. Miguélez Latorre, neta de Antonio Varela Miguélez.
Xesús Dopico Gómez, sobriño de Alejandro Dopico Saleta.
Teresa Ramiro Fernández, sobriña de Manuel Ramiro Lorenzo e curmán 2ª de Manuel Ramiro Souto.
Roberto Liñeira Graña, fillo de Delfino Liñeira Fraga.
Elvira Sanz Gómez, neta de Julio Sanz Martín.
Alberto Gómez Rodríguez, sobriño de José Galán Núñez “O Dereito”.
Olga Galán Orro sobriña de Pedro Galán Calvete.
Gerardo García Moreira, sobriño de Antonio Lorenzo García.
Margot Martín Mazariegos, sobriña de Francisco Mazariegos e Mercedes Romero Abella.
Enrique Vázquez Veiga, sobriño de Manuel Vázquez Gómez.
Pilar Miñones, filla de José Miñones Bernárdez.
José Marey López, neto de Juan Marey Díaz.
María Josefa Mosquera Villaverde, neta de José Villaverde Velo.
Elena Espiño Varela, sobriña de Antonio Varela Sanjurjo.
Rogelio Ares Ces, neto de Rogelio Ares Valiño.
Dolores Ares Torres, neta de José Torres Regueiro.
Juan Francisco Pérez-Carballo Veiga, sobriño de Francisco Pérez Carballo e Juana Capdevielle.
Rubén Centeno Paradela; a súa avoa era irmá de Bernardo Hernández Ares.
Augusto Ruiz García, sobriño de Bebel, France e Jaurés García García.
– Apoios ao manifestó:
María Xosé Bravo San José, ensinante. Manuel Rivas Barrós, xornalista, escritor. Ermitas Valencia Romar, libreira. Antón Reixa Rodríguez, artista. Gonzalo Vázquez Pozo, profesor, editor. Miguel Anxo Fernán-Vello, escritor, editor. Flor Antelo Cambeiro, mestra. Xácome Santos Gayoso, activista social. Manuel Sarmiento, mestre xubilado. María Teresa Correa Fernández de Carrascosa, profesora. Juan Carlos López González, arquitecto. Miguel Rodríguez Carnota, profesor. Carmen Cotelo, actriz. Jurjo Torres Santomé, catedrático emérito da Universidade da Coruña (UDC). Ricardo Seixo Fernández, mestre xubilado. Santiago Fernández Sánchez, electromecánico. Manuel Miragaia Doldán, profesor e escritor. Xosé Manuel López Ciprián. Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor emérito da UDC. Xoán Carlos Agra Barrós, xubilado. Xosé A. Fraga Vázquez, divulgador e historiador. Ramiro Otero Rodríguez, xubilado e sindicalista. Carlos F. Velasco Souto, profesor da UDC xubilado. María Isabel Valdivieso Varela, pintora. Carlos Aymerich Cano, profesor da UDC. Francisco Cerviño González, médico. Carlos Pereira Martínez, historiador. Fernando Morán Santamarina, actor. Mariam Ferreiro Vidarte, xubilada. Plácido Lizancos Mora, arquitecto, profesor da UDC. Xoán Antón Pérez-Lema, avogado. Xabier Filgueira Domínguez, sindicalista. Juan Díaz Villoslada, funcionario. Xosé Luís Armesto Barbeito, exreitor da UDC. Antón Luaces Teixido, xornalista. Pilar Vázquez Rodríguez, mestra xubilada. Xosé Manuel Carril Vázquez, catedrático da UDC. Mariña Longueira Gómez, mestra xubilada. Eva García Amador, restauradora. Fidel Vidal Pérez, xubilado. Isabel Faraldo Calvo, administrativa do SERGAS. Xavier Seoane, escritor. Miguel Pernas Cora, actor. Ana Luisa Bouza Santiago, xubilada. Xesús Torres Regueiro, mestre xubilado e historiador. Henrique Rabuñal Corgo, escritor e profesor. Pura Barrio Val, economista. David Soto Díaz, profesor de Dereito da UDC. Victorino Pérez Prieto, profesor xubilado e escritor. Antonio Galán Fuentes, artista. Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, historiador e profesor da UDC. Xiao Varela Gómez, arquitecto. Xosé Manuel Pereiro, xornalista. Marina Nistal, enfermeira. Abel López Soto, ensinante xubilado. Pepe Galán, artista. José Luís Expósito Mariño, profesor xubilado. Manuel Lugrís Rodríguez, escritor. Francisco Ascón Belver, técnico administrativo. Xosé Lois Seixo Fernández, mestre xubilado. Pablo No Couto, avogado. Alfonso Mascuñana Bordas, profesor xubilado. José Manuel Sánchez Vizcaino, arquitecto. Celestino Manuel Rodríguez Cabana, avogado. Rocío Fraga Sáenz, socióloga e activista feminista. Anxo Varela Rubio, profesor. María do Carme Fernández Pérez-Sanjulián, profesora UDC. Xulio Cuba Orosa, ensinante xubilado. Ramón Antonio Iglesias Ferreiro, actor e director de Escena. Carlos Ares, guionista e produtor. José-María Monterroso Devesa, escritor. Benito Portela Fernández, enxeñeiro agrónomo e alcalde de Sada. Isabel Martínez-Risco Valdivieso, actriz. Ricardo Sandoval Bermejo, xornalista. Xosé Ramón Branco Buxán, doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, escritor. Lois Diéguez Vázquez, escritor. Florencio Cardador Canelo, exconcelleiro socialista da Coruña.
#Verdade #Xustiza #Reparación
Comparte este artigo, os teus amigos o agradecerán…
Mastodon: @LQSomos@nobigtech.es; Bluesky: LQSomos;
Telegram: LoQueSomosWeb; Twitter (X): @LQSomos;
Facebook: LoQueSomos; Instagram: LoQueSomos;