As Memorias berran en San Simón: Fascismo Nunca Máis

As Memorias berran en San Simón: Fascismo Nunca Máis

Por Angelo Nero*. Nueva Revolución.

Nunha entrevista realizada pola xornalista e escritora Montse Fajardo, una das portavoces da Iniciativa Galega pola Memoria, o inesquecible Chato Galante decía:“Esíxese verdade, xustiza e reparación e nós temos amnesia, esquecemento e unha reconciliación baseada na supresión da investigacións dos crimes, na protección dos criminais e na invisibilidade das vítimas”. E preguntado por esa visita a Galiza, na que Chato pasou a formar parte de nós, apuntaba: “Foi moi produtiva. Queriamos estabelecer relación coa rede memorialística galega, que é moi potente, para constituír unha rede de redes que dea pulo ao dereito á xustiza que temos as vítimas da ditadura franquista, e marcho moi contento co que vivín e co traballo que se está a facer”.

Viaxou con nós á illa de San Simón, a nosa illa da Memoria, en 2019, na Homenaxe Nacional ás vítimas do franquismo”, e cantou emocionado o himno da nosa patria, co puño en alto, como un galego máis, pois naquela altura xa era, efectivamente, un membro máis do movemento memorialista galego, despois de rematar o seu discurso deste xeito: “Quienes murieron aquí, porque ellos existieron, nosotros peleamos contra la dictadura en los años sesenta y setenta, y porque nosotros peleamos entonces nuestros hijos pelearan hoy para acabar con la impunidad de aquellos criminales. Eso es lo que debe estar escrito con letras de oro en el futuro de nuestro país, eso es lo que queremos para nuestros descendientes. Queremos que este paraíso recupere esa condición y para hacerlo de nuevo debe de ser el lugar de Memoria, el lugar que nos permita reconocernos en la gente peleó contra el franquismo. Solo quiero acabar con lo que nos tiene que salir del corazón: Fascismo, Nunca Máis! No pasarán!”.

Neste 18 de xullo, 85 anos despois daquel golpe de estado iniciado polos militares fascistas contra o lexítimo goberno da II República, volvemos a embarcar cara a illa da Memoria que nos fará sempre lembrar a Chato, cun feixe de compañeiros seus da Comuna de presxs y represaliadxs del franquismo: Rosa García Alcón, que o ano pasado xa fora unha das protagonistas da homenaxe, nun formato reducido pola pandemia; Iosu Bilbao, Iosu Ibargutxi, y Enrike Gesalaga de Goldatu; Miguel Gómez “Gus”, que compartiu cela na prisión de Segovia con Enrike, Ibargutxi e Chato; e xunto a este feixe de combatentes antifascistas, un cardume de trescentos galegos e galegas con Memoria, representantes de 25 colectivos espallados polo noso pais.

Dende o peirao de San Adrián de Cobres, en Vilaboa, foron embarcando xentes boas e xenerosas, desas que non dan a esquecemento, da Irmandade do Dolmen e das ARMH de Marín e Cangas, da Regaduxa de Vilaboa, da Asociación Viguesa pola Memoria do 36, da Asociación Amigos de Johan Carballeira de Bueu, da Comisión pola Memoria Sinhor Afranio do Deza, da Iniciativa Cidadá de Vilagarcía, do Instituto de Estudos Miñoráns, das CRMH do Barbanza e da Coruña, da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de Sada, da Fundación Luís Tilve, da Oliveira de Teo, de Sempre con Vós de Pontevedra, do Colectivo Republicano de Redondela…

Despois dunha visita guiada á illa de San Simón, na que se recorreron os espazos da Memoria, que quixeron ser borrados por unha desafortunada intervención arquitectónica coa que se pretendía converter o antigo campo de concentración nun hotel de luxo, comezou o acto central da Homenaxe ás vítimas do franquismo, na pequena illa de San Antón. Os eidos sobre os que se desenrolaría o acto serían, neste ano, dous: A solidariedade das mulleres e A loita de Meirás. Unha pancarta co lema: “Fascismo Nunca Máis. Fin da Impunidade”, era suxeitada por unha ducia de representantes dos diversos colectivos.

Matias Rodríguez da Torre, outro dos portavoces da Iniciativa Galega pola Memoria, que engloba á meirande parte dos colectivos memorialistas do pais, foi o encargado de conducir o acto, despois de que os Gaiteiros da Memoria interpretaran o Himno de Riego: “Encontrámonos aquí, todos os anos, arredor dese 18 e xullo, para conmemorar un acto Nacional ás vítimas da represión franquista, e que teñamos que ser nos, neste caso os 25 colectivos que estamos aquí representados na IGM, que non é máis que unha rede de comunicación, unha rede de unión, da necesidade que ten este pais, de reivindicarnos a Memoria das persoas que foron asasinadas, a Memoria das persoas que foron represaliadas, e a Memoria das persoas que seguen a ser esquecidas non so durante o tempo o franquismo, senón durante o tempo desta presunta democracia, que aínda non deixa esquecer ese franquismo, que non deixa pasar esa páxina, e é evidente que teñamos que ser nós, a IGM, os que organicemos un acto, que lle correspondería á Xunta de Galicia, que é quen xestiona este lugar.”

Eva Mejuto, a escritora e xornalista de Sanxenxo, autora de libros como “Memoria do Silencio” ou “As lavandeiras de San Simón”, coas que tenta achegar á xente máis moza á lembranza daquela xente que combateu e que sufriu ó fascismo, falounos deste último libro seu que: “conta a historia negra desta illa desde a ollada de dous nenos: Teresa e Xulio. Teresa era filla de Ramona a Monera, unha de tantas lavandeiras e madriñas, que formaron parte da rede de axuda aos presos deste campo de concentración, mulleres que fixeron do acto cotiá de lavar a roupa, un auténtico símbolo de rebeldía, de disidencia, de resistencia. Xulio Lima Outeda era fillo de Rafael Lima Pintos, que estivo preso ao pé de nós sen causa nin outro delito que formar parte dun sindicato mariñeiro en Portonovo.”

Tamén quixo salientar a importancia de que “Hoxe máis ca nunca, cómpre lembrar á mocidade as vidas que custaron chegar ás liberdades das que hoxe (quen sabe ata cando) podemos gozar. O moito que custou conquistalas e pouco que pode custar perdelas. Contra o odio que algúns (lembremos, non son casos illados, teñen deputados, ocupan postos públicos) seguen espallando, a memoria e a dignidade, o orgullo, a resistencia como vacina para a ignorancia, a mentira e o esquecemento que nos queren impoñer. Ocupemos os espazos, illas, bibliotecas, pazos, aulas, fogares, vilas, cidades. Contra a desmemoria, contra a violencia e contra a impunidade. Fascismo nunca máis.”

Eva falounos da solidariedade das mulleres, desas madriñas de Redondela que escribiron unha das páxinas máis fermosas da historia da nosa comarca, cando ser solidaria significaba poñerse no punto de mira do fascismo. E a seguir subiu á palestra Carlos Babío, portavoz da Plataforma Defende Meirás, un dos máis visibles impulsores da loita contra o espolio franquista.

“Foi Memoria, fomos todos nós os que estamos hoxe aquí, que non aceptou ese relato do NODO. A Memoria transmitida polos loitadores e loitadoras pola liberdade, dábanos a dimensión real do que alí acontecera. E esa visión foi a que conseguimos documentar e ilustrar diante dunha xuíza, para acadar a entrada da democracia en Meirás, décadas despois. Prescindir de políticas públicas de Memoria so blindan a impunidade do fascismo, afondan a inxustiza, e imposibilitan a posibilidade de afrontar o futuro con normalidade e garantías de non repetición, e conseguen que a impunidade campe durante décadas, con relatos que non son democráticos, e onde as ditaduras teñan presunción de veracidade fronte a relatos democráticos. A loita pola recuperación de Meiras demostra todo iso.” Apuntou o autor de “Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio”, un exhaustivo tratado sobre esa punta do iceberg baixo a que está todo un sistema político sustentado en base a un espolio económico que no que funde as súas raíces o actual réxime monárquico español, que deixou intactas as estruturas xudiciais, militares e políticas, máis tamén económicas do poder franquistas.

A nota musical da Homenaxe ás vítimas a puxo Sheila Patricia, a cantante de Vilaboa, que nos agasallou con tres temas, unha canción popular “Manolo mío”, unha adaptación do poema de Federico García Lorca, “Pequeno vals vienés”, que popularizara Leonard Cohen, e o seu impresionante tema “Maneo de Caión”, que acaba de saír á luz, e onde Sheila Patricia da un paso de xigante na súa carreira. So uns días atrás falaramos con ela sobre música e danza, as súas dúas grandes paixóns, e tamén sobre a Memoria: “Nos falamos sempre que se non sabes de onde ves, dificilmente podes enfocar para onde vas. É como unha árbore, se ten unhas boas raíces vai a florecer mellor. Esa ollada para o pasado está en todo o meu traballo. Porque, ademais, temos unha tradición moi bonita, moitas veces sobre situacións complicadas, constrúense a nivel artístico as obras máis bonitas. Viuse coa pandemia, viuse coa guerra, viuse en Arxentina coa ditadura, co florecemento do rock arxentino, reivindicativo. E nos temos esa labor, as músicas temos que dar fe da realidade do que está pasando e do que pasou. Creo que é a nosa obriga.”

Tamén fai uns días falou con Nueva Revolución a súa nai, Xulia María Barros, que puxo a nota poética á homenaxe. A autora de “Carne y ceniza”, e “A árbore dos vagalumes”, falábanos así da relación que tiña coa illa de San Simón: “A miña avoa tivo a desgraza de que tivo a un irmán alí, e a outro irmán que tiveron que mandalo a Arxentina con quince anos. Por iso ela ía coas madriñas de San Simón. E todo o imaxinario, toda a fascinación pola Illa, que sigo tendo agora, forxou un namoramento total con ela, con esa imaxe, con abrir a ventá e ver a Illa de San Simón, toda esa panorámica.” Despois da intervención musical de Sheila, Xulia María achegouse ó micro, e descalzouse “porque estou pisando terra sagrada”, un deses xestos que son quen de asolagar con tenrura ó público máis esixente, para agasallarnos coa estrea en público do seu poema, “A illa infinita”.

A miña avoa sorri
dende ese lado da alma
onde se desenredan as cousas esenciais
E tecen as marabillosas.

Ela sabía o que custaba unha guerra
canta dor quedou petrificada detrás dos cristais
das casas que deixaron en silencio.

Xa hai tanto tempo!

Parece que foi onte.

Desde esta ventá

Escoitáronse os disparos …

E a auga trouxo algúns cadáveres
á beira da praia de Cesantes,
Esta foi a mensaxe preto do mar
noutros lugares falaban as cunetas.

Como puido ser!

Por as noites

Desde esa ventá da casa vella

Puiden ver todo o que contaba,

Ela de pé e eu
apenas sacaba a cabeza.

Eu aínda a escoito,

Sempre a escoito,
coma se seguísemos alí

Mirando cara illa e o seu infinito.

Sempre a escoito

En cada imaxe

En cada palabra
na cada tenrura
na súa longa trenza.

A miña avoa sorriu
dende ese lado da alma
onde desenredan as cousas esenciais

E tecen as marabillosas.

Ela sabía tantas cousas!

Nunca a vin chorar.

Antes de rematar o acto a Iniciativa Galega pola Memoria quixo recoñecer as figuras de Queta Molas, ó fronte da ARMH de Marín e de Telmo Comesaña, da AsociaciónViguesa da Memoria do 36. “Un recoñecemento para a Memoria viva, un recoñecemento para o activismo, un recoñecemento para unha longa traxectoria de compromiso social. Co que significou traballar naqueles primeiros anos nos que os colectivos tiñan que saír, practicamente, de debaixo das pedras, para dar a coñecer todo o que acontecera no noso pais,” en palabras de Matías Rodríguez da Torre.

E, finalmente, tivo lugar a ofrenda floral ás vítimas no franquismo, coa interpretación do Himno Galego polos Gaiteiros da Memoria, e secundado polos asistentes, moitos deles co puño en alto, como fixera Chato Galante naquel, agora semella lonxano, 2019. E como xa berrara entón o noso querido e inesquecible Chato, moitos foron os que remataron cun: Fascismo, Nunca Máis! No pasarán!.

* https://nuevarevolucion.es/

Síguenos en redes sociales… Facebook: LoQueSomos Twitter: @LQSomos Telegram: LoQueSomosWeb Instagram: LoQueSomos

LQSomos

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Nos obligan a molestarte con las "galletitas informáticas". Si continuas utilizando este sitio aceptas el uso de cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar