Galiza. Presas políticas reiteran petición a defensa de retirada da simboloxía franquista

Agencia MP3. LQS. Marzo 2021

Nota de prensa del Colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura. Reiteran que se defensa no retira a simboloxía franquista poñerán os feitos en coñecemento da fiscalía

O colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura enviou o 21 de decembro de 2020 un escrito a Margarita Robles, ministra de Defensa, notificando que en Galiza existían 23 símbolos franquistas, 13 deles en Ferrol, en instalacións que dependen de Defensa e pedindo a súa retirada en cumprimento da Lei de Memoria Histórica de 2007.

Nun novo escrito entregado hoxe xoves, ás 9 horas polo rexistro da Subdelegación do Goberno na Coruña, previa cita, este colectivo manifesta a súa sorpresa porque na súa resposta Defensa sinala: “Conforme a los datos disponibles en este Departamento, no consta que existan actuaciones pendentes al respecto. Si surgieran nuevos supuestos, la reacción del Departamento será la que establece la ley”.

Consideramos que hai un evidente incumprimento da Lei de Memoria Histórica por parte de Defensa, unha ofensa ás vítimas da ditadura franquista e un desprezo aos acordos plenarios do concello de Ferrol.

Lembramos as numerosas ocasións que o pleno de Ferrol xa demandou a retirada da simboloxía franquista do Arsenal Militar de Ferrol, peticións que non foron atendidas. Dous significados militares golpistas como Salvador Moreno Fernández e Antonio Barroso aínda dan o seu nome a un colexio de Pontevedra e a unha residencia de Santiago que dependen de Defensa. Por outra parte, hai unha falta de coherencia por parte de Defensa: a ministra de Defensa Carmen Chacón retiraba en Burgos en 2010 o nome de Juan Yagüe de instalación militares, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, pero no edificio de Capitanía Xeneral na Coruña Defensa mantén unha placa co nome “Sala de Honor Tte. Gral. Yagüe”.

Acaba o escrito sinalando que se o ministerio de Defensa continúa coa súa actitude, poñerá os feitos en coñecemento da Fiscalía porque “o incumprimento reiterado da Lei podería ter un carácter penal”.

Axuntamos o texto do escrito enviado hoxe á ministra de Defensa…

Presas/os políticas/os de Ferrol na ditadura que asinan este escrito:

Sra. Dona. Margarita Robles. Ministra de Defensa

Ministerio de Defensa. MADRID

Moitas grazas por contestar a carta que enviamos o 21 de decembro de 2020 dun colectivo de presas políticas de Ferrol na ditadura. O escrito que recibimos é do “Director Gabinete Ministra de Defensa” e non vén o seu nome. Pola sinatura deducimos que se trata de Diego Íñiguez Hernández.

Queremos manifestar a nosa sorpresa pola conclusión do escrito que recibimos: “Conforme a los datos disponibles en este Departamento, no consta que existan actuaciones pendentes al respecto. Si surgieran nuevos supuestos, la reacción del Departamento será la que establece la ley”.

Sinala o escrito que recibimos: “A lo largo de los años 2009 y 2010, se retiraron numerosos símbolos y se modificaron denominaciones de bases, acuartelamientos o establecimientos”. Efectivamente, como dicía o noso escrito: “En cumprimento da Lei de Memoria Histórica, o Ministerio de Defensa, sendo ministra Carmen Chacón, publicaba unha Orde en decembro de 2009 para a «retirada de militares e acciones de guerra». Durante 2009 e 2010 Defensa traballou sobre un total de 410 símbolos, modificándose tamén o nome de 11 bases, acuartelamentos ou establecementos dependentes de Defensa. En Burgos a Residencia General Yagüe, pasa a denominarse Dos de Mayo. E o Centro Deportivo Militar General Yagüe pasa a La Deportiva”. Defensa considera que se retira a denominación referida ao xeneral Yagüe en Burgos en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Manter no edificio de Capitanía Xeneral na Coruña unha placa co nome “Sala de Honor Tte. Gral. Yagüe”, non incumpre a citada lei?

O Ministerio de Defensa mantén como rúas no Arsenal Militar de Ferrol o nome de significados militares golpistas ou accións de guerra, entre outros: Almirante Vierna, Crucero Baleares, Almirante Fernández Martín, Marqués de Alborán (Francisco Moreno Fernández), Salvador Moreno Fernández, Almirante Honorio Cornejo. O concello de Ferrol (alcaldía do PSOE) pedía en 2009 a Defensa, en cumprimento da citada lei, o cambio de nome desas rúas (xa foron retiradas na cidade por acordo plenario en 1981) que son unha auténtica exaltación do franquismo e fan referencia a persoas da Armada relacionadas coa represión na ditadura, petición que non foi atendida por Defensa. Por outra parte, a deputada do PSOE no Congreso, María Paloma Rodríguez Vázquez, presentaba en xaneiro de 2014 unha proposición non de lei para que se retirasen esas rúas do Arsenal Militar de Ferrol, petición que tampouco foi atendida polo goberno de Mariano Rajoy.

O concello de Pontevedra xa retirou a rúa Salvador Moreno Fernández, hoxe Rosalía de Castro. E a rúa Almirante Franciso Moreno tamén foi retirada en Madrid en 2017 en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, pero Defensa mantén, incomprensiblemente, estas dúas rúas no Arsenal de Ferrol e di que tamén cumpre coa citada lei.

Por outra parte, Defensa négase desde hai anos a cambiar o nome do colexio Moreno Fernández en Pontevedra, que depende de Defensa, cando en 2008 no concello veciño de Marín, alcaldía do PSOE, o IES Salvador Moreno pasaba a chamarse Illa de Tambo. O concello de Valencia, con ningún voto en contra, acordaba en xullo de 2016 retirar a distinción de Fillo Adoptivo a Antonio Barroso, militar golpista e ministro do Exército na ditadura, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Coa ministra Carme Chacón, Defensa retira en Burgos a Residencia General Yagüe, pero agora mantén en Santiago o nome «Residencia de Estudiantes Teniente General Barroso», que depende do ministerio de Defensa. Pode alguén entender isto?

A deputada do PSOE no Congreso María Paloma Rodríguez Vázquez solicitaba en xaneiro de 2014, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, que se retirasen do Panteón de Mariños Ilustres de San Fernando (Cádiz) os restos de significados golpistas como os irmáns Salvador e Francisco Moreno Fernández. Pero aí seguen.

Reiteramos que en Galiza existen 23 símbolos franquistas en instalacións, que dependen de Defensa, e 13 están en Ferrol. Consideramos que hai un evidente incumprimento da Lei de Memoria Histórica por parte de Defensa, unha ofensa ás vítimas da ditadura franquista, un desprezo aos acordos plenarios do concello de Ferrol e que hai que actuar hoxe sen esperar a que exista a unha nova lei.

Como xa manifestamos, se Defensa segue negando a evidencia e manifestando que “no consta que existan actuaciones pendientes”, poñeremos estes feitos en coñecemento da Fiscalía porque o incumprimento reiterado da lei podería ter un carácter penal.

PRESAS/OS POLÍTICAS/OS DE FERROL NA DITADURA QUE ASINAN ESTA CARTA:
Rafael Pillado Lista, Francisco Rodríguez Sánchez, Sari Alabau Albors, Vicente Couce Ferreira, Raúl Pillado Lista, Alfonso Tellado Sande, Antón Martínez Aneiros, Xosé Piñeiro Arnoso, Anxo Ferreiro Currás, Ignacio Fernández Toxo, Fina Varela Fontán, José María Freire Piñeiro, José Loureiro Fernández, Manuel Monge González e Ricardo Aneiros Sixto.

En diciembre 2020: Carta á Ministra de Defensa de 16 presas políticas de Ferrol na ditadura

Galiza – LoQueSomos

Síguenos en redes sociales… Facebook: LoQueSomos Twitter@LQSomos Telegram: LoQueSomosWeb Instagram: LoQueSomos

Deja un comentario

Nos obligan a molestarte con las "galletitas informáticas". Si continuas utilizando este sitio aceptas el uso de cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar