Cedeira elimina a rúas e distincións a Manuel Fraga e outros ministros da ditadura
Agencia Mp3*. LQS. Octubre 2020
Non é a primeira iniciativa aprobada neste concello xa que o pleno de marzo de 2020 aprobaba retirar a avenida Manuel Fraga, inaugurada cando era ministro da ditadura, que pasa a chamarse Fraternidade…
Nota de prensa:
O concello de Cedeira (A Coruña) acordaba no pleno do pasado 2 de outubro iniciar o expediente para, no prazo de tres meses, retirar a Manuel Fraga e outros ministros franquistas as distincións de Fillos Adoptivos, concedidas na ditadura. A moción foi presentada polo BNG, tivo o apoio do PSOE, que ten alcaldía, e o voto en contra do PP.
Non é a primeira iniciativa aprobada neste concello xa que o pleno de marzo de 2020 aprobaba retirar a avenida Manuel Fraga, inaugurada cando era ministro da ditadura, que pasa a chamarse Fraternidade.
Desde o Colectivo de Presas e Presos Políticos de Galiza na ditadura felicitamos a este concello e a outros que están a recoller a proposta que fixemos no manifesto NON QUEREMOS O “CAMARADA FRAGA” COMO FILLO ADOPTIVO, promovido por 45 presas e apoiado por 64 historiadoras e 56 entidades de toda Galiza, para retirar a Manuel Fraga as distincións concedidas na ditadura. Así, os plenos de Ferrol de 25 abril de 2019 (votos a favor de Ferrol en Común, PSOE e BNG) e da Coruña, 6 de maio de 2019 (votos favor de Marea Atlántica, PSOE e BNG) aprobaban retirar a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo. Preguntado sobre este tema, Gonzalo Caballero, secretario xeral dos socialistas galegos, apoiaba a actuación do seu partido porque esas distincións foron concedidas na ditadura e “teñen todo o rexeitamento” do PSdeG-PSOE.
Neste pleno de Cedeira acordouse tamén retirar a distinción de Fillo Adoptivo a estes ministros da ditadura: Pedro Nieto Antúnez, Gonzalo Fernández de la Mora, Salvador Moreno Fernández e José Antonio Girón de Velasco, así como a Julio Muñoz Rodríguez de Aguilar, falanxista, gobernador civil da Coruña (1938-1939) e un dos promotores da Junta pro Pazo del Caudillo.
Lembramos que numerosos concellos de Galiza manteñen rúas e distincións a ministros da ditadura: Santiago ten como Fillos Adoptivos a 20 ministros, 8 Ferrol, 7 Lugo, 4 Pontevedra; 7 a deputación da Coruña e 3 a deputación de Pontevedra.
Hai que acabar con esta vergoña, que non é propia dun país democrático e que é unha ofensa para as vítimas da ditadura.
* Colectivo de presas e presos políticos de Galiza na ditadura
Adxuntamos o texto da moción aprobada no concello de Cedeira:
Síguenos en Facebook: LoQueSomos Twitter@LQSomos Telegram: LoQueSomosWeb Instagram: LoQueSomos