Defensa retira nove rúas franquistas do arsenal de Ferrol
Por Agencia Mp3*. LQSomos.
O Ministerio de Defensa cambia as rúas franquistas do Arsenal de Ferrol mes e medio despois da denuncia ante a fiscalía presentada por presas e presos políticos de Ferrol na ditadura
Mediante a Resolución 421/04574/22 de 17 de marzo, publicada no Boletín Oficial de Defensa de 18 de marzo, a ministra Margarita Robles cambia o nome de 9 rúas franquistas do Arsenal Militar de Ferrol: Almirante Fernández Martín, Almirante Vierna, González Llanos, Salvador Moreno, Marqués de Alborán, Soldado Lois, Crucero Baleares, Cándido Pérez, Almirante Honorio Cornejo.
Sinala esa Resolución que toma esta decisión para “optimizar la eficiencia en la organización del Arsenal de Ferrol que permita una mejor identificación física de sus diferentes organismos, unidades y servicios”.
A realidade é que Defensa non toma esta decisión por vontade propia. Hai poucos meses, e a pesar da aprobación polo Pleno de Ferrol de mocións pedindo a retirada desas rúas, Defensa contestaba no Congreso o 9 de abril de 2021 a unha pregunta do deputado Jon Iñarritu sobre a retirada das rúas franquistas do Arsenal: “En cumplimiento de esa Ley y de la normativa que la desarrolla, se revisaron los símbolos y los nombres. Algunos de estos, que no vulneraban lo establecido en aquellas, se mantuvieron, ya que recuerdan a miembros de la Armada o buques con vinculación con la ciudad de Ferrol. Conforme a la información obrante en el Ministerio de Defensa, no consta que existan actuaciones pendientes en el Arsenal del Ferrol en lo que afecta al cumplimiento de la citada Ley 52/2007 de 6 de diciembre”.
Como é evidente, Defensa non toma esa resolución por motivos “organizativos”, senón que toma unha decisión política despois de que un colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na Ditadura presentara por rexistro o 3 de febreiro de 2022 unha denuncia ante a Fiscalía de Galicia polo reiterado incumprimento da Lei de Memoria Histórica polo ministerio de Defensa, mantendo simboloxía franquista en instalacións dependentes de Defensa, que podería ser constitutiva de delito.
E toma esa decisión tres días despois de que ese colectivo de presas e presos políticos presentaran por rexistro no concello de Ferrol un escrito o pasado 14 de marzo para o alcalde Ángel Mato (PSOE) cunha proposta de moción, para que Defensa retirase esas rúas do Arsenal Militar.
Celebramos ese cambio de actitude do ministerio de Defensa, resultado da mobilización cívica, pero queremos que se fale claramente de eliminación de simboloxía franquista.
A Resolución sinala que “La Armada siempre ha recordado el valor y el mérito de sus hombres y mujeres de reconocido e indiscutido prestigio” e propón como rúas alternativas “nombres de herores y buques que han destacado a lo largo de la historia de la Armada Español”, entre outros: Galera La Loba, Nao Santa María, Nao Victoria, Corbeta Atrevida. Preferimos que, atendendo a proposta dun grupo de historiadores, as rúas alternativa recollan os nomes de militares que o 18 de xullo de 1936 defenderon en Ferrol a legalidade como, entre outros, o Contralmirante Antonio Azarola, Xefe do Arsenal, asasinado polos fascistas, porque as persoas que defenderon a democracia e o goberno lexítimo da República son merecedoras de recoñecemento social e reparación pública.
Por outra parte, lembramos que aínda quedan en Ferrol outra simboloxía franquista, que depende de Defensa, e que tamén queda simboloxía franquista noutras instalacións de Defensa en Galiza, que honran a golpistas e criminais. Na igrexa castrense de San Francisco de Ferrol hai unha gran cruz dos “Caídos por Dios y por España”, utilizada pola Armada nalgunha conmemoración, e unha placa de homenaxe da Armada ao Cruceiro Baleares: “La Marina de Guerra a los gloriosos caídos del Baleares. Caídos por Dios y por España en el Crucero Baleares ¡¡Presentes!!”. Os golpistas Tenente Xeneral Yagüe e Tenente Xeneral Barroso aínda son honrados por Defensa, dando nome, respectivamente, a unha “Sala de Honor”no edificio de Capitanía Xeneral na Coruña e a unha residencia de estudantes en Santiago, que depende do ministerio de Defensa.
Axuntamos o texto da denuncia (agora está na Fiscalía Provincial da Coruña), que recolle a simboloxía franquista que debería retirar o ministerio de Defensa, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, é dicir, como decisión política, e non para “optimizar la eficiencia en la organización”.
Como sinala a denuncia, “o Panteón de Mariños Ilustres de San Fernando (Cádíz) enaltece e honra a memoria de significados golpistas, en claro incumprimento da Lei de Memoria Histórica. O Decreto 1433/1966 de 2 de xuño dispuña o traslado dos restos mortais do Almirante don Salvador Moreno Fernández ao Panteón de Mariños IIustres. A deputada do PSOE María Paloma Rodríguez Vázquez pedía nunha proposición non de lei (rexeitada polo goberno do PP no pleno do Congreso de 17 de xuño de 2015) que se retirasen dese Panteón os restos dos irmáns Salvador e Francisco Moreno Fernández”. Defensa non pode retirar a rúa do golpista Salvador Moreno do Arsenal de Ferrol e manter os seus restos no Panteón de Mariños Ilustres. Entre os “méritos” de Salvador Moreno está bombardear desde o “Canarias” a estrada da costa de Málaga a Almería en 1937 na coñecida como “Desbandá”, provocando a morte de máis de 5.000 persoas. Despois desta actuación criminal ascendeu a Almirante e Ministro de Mariña.
Esta Resolución de Defensa debería ter tamén repercusións inmediatas no concello de Ferrol, retirando a distinción que aínda conserva González Llanos de Fillo Predilecto de Ferrol desde 1968 e unha estatua no barrio de Esteiro. Salvador Moreno tamén é Fillo Predilecto desde 1949.
* Presas/os políticas/os de Ferrol na ditadura que apoian a denuncia presentada ante a fiscalía de Galicia:
Rafael Pillado Lista, Francisco Rodríguez Sánchez, Sari Alabau Albors, Vicente Couce Ferreira, Raúl Pillado Lista, Alfonso Tellado Sande, Antón Martínez Aneiros, Xosé Piñeiro Arnoso, Anxo Ferreiro Currás, Ignacio Fernández Toxo, Fina Varela Fontán, José María Freire Piñeiro, José Loureiro Fernández, Manuel Monge González e Ricardo Aneiros Sixto.
Síguenos en redes sociales… Mastodon: @LQSomos@nobigtech.es Diaspora*: lqsomos@wk3.org Telegram: LoQueSomosWeb Twitter: @LQSomos Facebook: LoQueSomos Instagram: LoQueSomos
Me cuesta trabajo creer que alguien poueda pensar que un soldado de reemplazo, jornalero humilde, sea un franquista. Yo creo que aqui algunos han perdido la cabeza