En lembranza de Gustavo García

En lembranza de Gustavo García

Celso López. LQS. Noviembre 2020

Avogado, un home solidario e xeneroso, un militante activo e inquebrantable a prol da xustiza universal, un defensor desinteresado e cabal dos perseguidos e dos sen nome…

O recente pasamento do avogado vigués Gustavo García Fernández na lonxana illa canaria de Fuerteventura, fai imprescindible lembrar o moito que lle debemos tanto as asociacións como o activismo social que traballa no campo da Memoria Histórica, na loita contra a impunidade dos crimes do franquismo e na demanda da necesidade de xulgar aos asasinos e torturadores da ditadura.

Foi a mediados de 1998 cando o pleno da Sala do Penal da Audiencia Nacional confirmaba, por unanimidade de todos os seus membros, a competencia da xurisdición española para enxuizar os delitos de xenocidio e terrorismo de estado, con independencia do lugar do mundo no que sucedesen e á marxe da nacionalidade dos responsábeis e vítimas deses delitos.

Naquela altura Gustavo García faría diante desa mesma instancia xudicial unha defensa impecable sobre a necesidade de que os tribunais españois se declarasen competentes para xulgar ese tipo de delitos.

O Pleno da Sala decidía tamén a competencia dos Xulgados Centrais de Instrución da Audiencia Nacional para investigar todos e cada un dos crimes perpetrados no contexto do plan xenocida levado a cabo polas ditaduras arxentina (1976-1983) e chilena (1973-1990), concretado nos secuestros, torturas, asasinatos, violacións, desaparicións forzadas de persoas, ou cambios de identidade de bebés. Tal decisión permitiría que anos máis tarde, en 2005, o oficial da armada arxentina e confeso torturador, Adolfo Scilingo fose condenado por delitos de lesa humanidade a 640 anos de prisión, condena que dous anos despois o Tribunal Supremo ampliaría a 1084 anos ao comprobarse a súa participación en centos de detencións ilegais.

El abogado vigués en su despacho, noviembre de 2013, después de ser asaltado y en el que aparecieron pintadas de extrema derecha. Gustavo García responsabilizó de este asalto a la policía. Y lo relacionó por su actividad contra la impunidad de los crímenes franquistas

Coa decisión de declararse competente para xulgar delitos de xenocidio e lesa humanidade por parte da Audiencia Nacional, a inquebrantable conciencia solidaria de Gustavo Garcia e o seu alto sentido da xustiza universal, activouse axiña e levouno a converterse na autentica alma mater e criador da Fundación Galega Inés Ollero contra a Impunidade que vería data de nacemento oficial o 28 de novembro de 1998. Na súa acta fundacional afirmábase “que lle corresponde á sociedade galega, na súa condición de vítima destes xenocidas (calcúlase a existencia duns 300 cidadáns galegas e galegos aínda desaparecidos no contexto da ditadura arxentina) poñerse á altura que demanda esta decisión histórica e pular pola creación dunha organización que asuma a tarefa de contribuír a esta enorme demanda de xustiza”. O documento continuaba declarando que “se trata de recuperar a verdade histórica do sucedido a través da investigación (campo por campo, delito por delito, vítima por vítima, represor por represor) e de lograr a incriminación de todos e cada un dos responsábeis”. Infelizmente a Fundación Galega Inés Ollero tivo escaso percorrido, a pesares do entusiasmo de Gustavo e de quen o seguiron nesta iniciativa.

Cicais os tempos non eran chegados e o seu nacemento era aínda prematuro (estabamos en 1998). Pero aquel intento fíxose presente, viviu un tempo, e Gustavo García foi o seu promotor. Compría lembrar e contar aquí este episodio pouco ou nada coñecido do traballo como letrado e activista de Gustavo García xa que, por si mesmo, abonda aínda máis no seu enorme e xeneroso compromiso cos humillados e ofendidos e coa xustiza.
Logo viría a constante e permanente militancia combativa de Gustavo nas súas viaxes a Arxentina (sempre a conta do seu peto) para denunciar os crimes da ditadura arxentina e da ditadura franquista, as súas visitas a lugares de internamento clandestinos e á sinistra ESMA (Escola Mecánica de la Armada), as súas intervencións nas aulas das universidades daquel país e os seus contactos co avogado arxentino Carlos Slepoy para promover iniciativas que buscasen xulgar aos criminais arxentinos acusados de delitos de lesa humanidade e os crimes do franquismo, moito antes de que este avogado se convertera nun referente esencial, xunto a Chato Galante e outros, da querela arxentina contra os crimes da ditadura, querela arxentina na que, por certo, Gustavo participou moi intensamente dende o momento mesmo do seu nacemento no ano 2010 e na que, como resultado dunha doenza, viuse obrigado a limitar a súa implicación e actividade.
Grazas a súa insistencia foron centos e centos os galegos e galegas que formalizaron denuncias, vía notarial, contra os asasinos e torturadores que cometeron crimes de lesa humanidade durante a guerra civil e a ditadura, moito antes tamén de que a xuíza arxentina, María Servini de Cubría, puxera a disposición deses denunciantes o xulgado de Buenos Aires do que é titular.

Ese foi Gustavo García Fernández, avogado, un home solidario e xeneroso, un militante activo e inquebrantable a prol da xustiza universal, un defensor desinteresado e cabal dos perseguidos e dos sen nome.
Un home bo en suma, que os derradeiros anos da súa vida e xa recuperado da súa doenza, volveu a poñerse ao servizo dos máis vulnerables para converterse en avogado de Personas Maravillosas de Fuerteventura, un movemento sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é a defensa das persoas desfavorecidas, inmigrantes e sen teito.

A débeda que con Gustavo García ten o activismo social, a loita memorialista e a loita contra a impunidade dos crimes do franquismo, só poderá saldarse mantendo sempre viva a súa memoria.

Síguenos en Facebook: LoQueSomos Twitter@LQSomos Telegram: LoQueSomosWeb Instagram: LoQueSomos

LQSomos

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Nos obligan a molestarte con las "galletitas informáticas". Si continuas utilizando este sitio aceptas el uso de cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar