A denuncia das represaliadas da ditadura polos símbolos franquistas en Galicia chega á Fiscalía do Supremo

Agencia Mp3. LQSomos.

A denuncia foi presentada o pasado 3 de febreiro e nela detallábanse un total de 23 símbolos franquistas en Galicia, 13 deles en Ferrol, en instalacións dependentes do Ministerio de Defensa

Nas últimas semanas o colectivo de presos e presas políticas da ditadura presentou unha denuncia ante a Fiscalía polo incumprimento da Lei de Memoria Histórica por parte do Ministerio de Defensa. A denuncia vén de ser remitida á Fiscalía do Tribunal Supremo por ser a competente nesta materia, como sinala nun decreto Fernando Suanzes Pérez, Fiscal Superior de Galicia, recollendo un informe-proposta do fiscal instrutor Carlos Varela García.

A denuncia foi presentada o pasado 3 de febreiro e nela detallábanse un total de 23 símbolos franquistas en Galicia, 13 deles en Ferrol, en instalacións dependentes do Ministerio de Defensa. Entre elas destaca o escudo franquista na fachada do cuartel Sánchez Aguilera de Ferrol, varios elementos na Igrexa Castrense de San Francisco de Ferrol (unha «Cruz dos Caídos», unha placa aos Caídos do Baleares e placa con referencia ao bautismo do “Generalísimo”) e nove rúas interiores do Arsenal ferrolán, que homenaxean entre outros a Salvador Moreno ou ao Crucero Baleares, e que foron establecidas en 1981 en resposta dos militares á eliminación das nomenclaturas franquistas no rueiro do resto da cidade.

A súa eliminación foi xa proposta en 2019 polo colectivo de militares demócratas responsable do Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadase, de igual xeito, foi solicitada polo pleno municipal de Ferrol en 2009 e debatida polo Congreso no ano 2015.

Na denuncia figuran tamén varios elementos na Coruña, tanto no Edificio de Capitanía Xeneral, coma no Museo Histórico Militar ou no Cuartel de Atocha, onde aínda figura un escudo franquista nunha das súas portas. Ademais, faise referencia ao nome da Residencia de estudantes Teniente General Barroso, de Compostela.

Agora a denuncia será estudada pola Fiscalía do Tribunal Supremo, que deberá decidir se o Ministerio de Defensa está a incumprir a Lei de Memoria Histórica. Nos últimos meses o Ministerio de Defensa xa se pronunciou ao respecto, en resposta a unha pregunta realizada no Congreso polo deputado de EH-Bildu Jon Iñárritu en relación coas rúas interiores do Arsenal ferrolán. O departamento que dirixe Margarita Robles indicou nesa ocasión que as denominacións das rúas interiores do Arsenal non se ven afectadas pola Lei de Memoria Histórica, xa que «recordan a membros da Armada ou buques con vinculación coa cidade de Ferrol», o que xustificaría o seu mantemento.

Porén, contrariamente ao afirmado polo Ministerio de Defensa, varios dos franquistas homenaxeados non naceron en Ferrol, como o Soldado Lois, o Almirante Honorio Cornejo, Cándido Pérez ou o Marqués de Alborán, ademais da propia referencia ao Crucero Baleares. Ademais, todos eles tiveron un papel clave na Guerra Civil e na ditadura.

Coa colaboración do historiador Bernardo Máiz o colectivo de militares demócratas realizou no 2019 unha proposta de denominacións alternativas para as rúas interiores do Arsenal ferrolán, que pasarían a homenaxear outros militares, que en moitos casos morreron defendendo a orde legal republicana: Condestable Dionisio Mouriño González; Contralmirante Antonio Azarola Gresillón, Xefe do Arsenal; Cabo de Artillaría Naval Ramiro Corredeguas Castro; Luis Sánchez Pinzón, tenente de Navío; Sandalio Sánchez Ferragut, capitán de Navío; Condestable Vicente Peña Terrasa, guerrilleiro antifranquista; Condestable Carlos Allegue; Benito Sacaluga Rodríguez, tenente coronel (xefe de máquinas do “Jaime I”); Luis Pérez Carballa, coronel médico da Armada; e Antonio Sanjuán Cañete, capitán de Corveta. Tamén propuñan levantar un monumento na Punta do Martelo do Arsenal de Ferrol, lugar de fusilamento de moitas persoas da comarca.

A denuncia está impulsada polo colectivo de presos e presas políticas da ditadura, conformado por Rafael Pillado Lista,Francisco Rodríguez Sánchez,Sari Alabau Albors,Vicente Couce Ferreira,Raúl Pillado Lista,Alfonso Tellado Sande,Antón Martínez Aneiros,Xosé Piñeiro Arnoso,Anxo Ferreiro Currás,Ignacio Fernández Toxo, Fina Varela Fontán, José María Freire Piñeiro, José Loureiro Fernández, Manuel Monge González e Ricardo Aneiros Sixto.

Véxase o texto da denuncia de 21 páxinas entregada ao fiscal xefe, así como a referencia aos documentos adxuntos (34 páxinas) e documentos electrónicos.

Galiza – LoQueSomos

Síguenos en redes sociales… Mastodon: @LQSomos@nobigtech.es Diaspora*: lqsomos@wk3.org Telegram: LoQueSomosWeb Twitter: @LQSomos Facebook: LoQueSomos Instagram: LoQueSomos

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Nos obligan a molestarte con las "galletitas informáticas". Si continuas utilizando este sitio aceptas el uso de cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar