378 elementos contrarios á memoria democrática, unha vergoña para A Coruña

378 elementos contrarios á memoria democrática, unha vergoña para A Coruña

Intervención da Escano Cidadán Pleno da corporación municipal da Coruña o xoves 7 de novembro. Espero que o goberno municipal coruñés elimine agora os 378 elementos contrarios á memoria democrática, unha vergoña para A Coruña, e este tema non teña que repetirse dende a Escano Cidadán.

Por Manuel Monge*

Sra. Alcaldesa, amigas e amigos da corporación municipal:

É a terceira vez que tomo a palabra neste escano cidadán como sociólogo, investigador e vítima do franquismo. Na primeira, Pleno de 6 de febreiro de 2020, manifestaba: “Eu non quero que A Coruña sexa a capital da simboloxía franquista”. Hoxe quero poñer como titular “378”, que non é un número premiado no sorteo da Lotería, senón os elementos contrarios á memoria democrática que aínda conserva A Coruña, é dicir, que son ilegais, segundo a Lei de Memoria Democrática (LMD) de outubro de 2022.

Lembro o artigo 41.1 desa lei que retira a Pedro Barrié de la Maza o título nobiliario de Conde de Fenosa para cumprir co obxecto desa Lei: “Defensa dos valores democráticos e os dereitos e liberdades fundamentais” (artigo 1.3), pero Barrié ten unha avenida e numerosas distincións. Hai que cumprir con esta lei, ou non?

José Calvo Sotelo aínda conserva oito distincións: dúas rúas, retrato, Fillo Adoptivo, aparece en placas e monolitos, dá nome a un peirao, pero o alcalde de Curtis do PP xa retirou a súa rúa en Teixeiro. O concello de Ferrol, con alcaldía do PSOE, tamén retirou en 1981 a rúa deste golpista. A Deputación de Pontevedra aprobaba por unanimidade retirar a Calvo sotelo a distinción de Fillo Predilecto e a Deputación da Coruña acordaba, tamén por unanimidade, cambiar o nome do Instituto Calvo Sotelo.

O falanxista e represor Enrique Salgado Torres ten unha avenida e dá nome a un colexio, pero Ferrol con alcaldía do PSOE aprobaba en marzo de 1981 cambiar a rúa Salgado Torres por Xaime Quintanilla, alcalde de Ferrol asasinado polo fascismo.

Como se poden recibir as visitas en María Pita cando a sala anexa á alcaldía está presidida polos retratos de catro golpistas? Ferrol, a iniciativa do PSOE, retira os retratos dos alcaldes de ditadura, pero aquí presiden a galería da planta nobre, entre eles os golpistas comandante Sisenando Martínez-Yunta e o coronel Juan González-Regueral.

Como se pode pedir en Madrid a retirada dunha placa franquista co xugo e as frechas na vivenda de Isabel Díaz Ayuso e conservar na Coruña 254 desas placas en 84 rúas?

A proposta do Consello Escolar do CEIP Sanjurjo de Carricarte este Pleno aprobaba cambiar o nome por CEIP Torre de Hércules, pero a rúa que pasa por diante do colexio segue chamándose Alcalde Sanjurjo Carricarte e conserva un busto na parte traseira do palacio municipal, que despropósito!

O xeneral Ambrosio Feijóo participou en numerosos consellos de guerra, entre outros os que condenaban a pena de morte aos xenerais Enrique Salcedo Molinuevo e Rogelio Caridad Pita, que se mantiveron fieis á República, pero conserva a rúa nun lateral de Correos. É así como se fai xustiza coas vítimas do franquismo?

Atendan, Sra. Alcaldesa, a petición do Pleno do Barco de Valdeorras, alcaldía do PSOE, que unanimemente (PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá) solicitaban ao concello da Coruña o cambio da rúa Alcalde Sergio Peñamaría por Mártires de Valdeorras, lembrando a represión na comarca protagonizada por Peñamaría como tenente da Lexión. Atenda o informe do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses e retire a Alfonso Molina a avenida e todas as distincións.

Tomen boa nota da actuación de Óscar Puente en Valladolid que, como alcalde, inauguraba unha placa na entrada do concello de lembranza e homenaxe a cargos públicos e traballadoras/es do concello represaliados polo franquismo. Reciba neste Salón de Plenos aos familiares desas vítimas.

Os tempos son chegados. Acabar coa simboloxía franquista, cumprir coa Lei non é unha cuestión de tempo, nin xurídica, senón un tema de vontade política.

ACABEMOS XA CON ESTA VERGOÑA!

FÓRA FRANQUISMO DA CORUÑA!

Moitas grazas pola súa atención.
7 de novembro de 2024

* Socióloga, vítima do franquismo.
Máis artigos do autor
Galiza – LoQueSomos

#Verdade #Xustiza #Reparación
#MemoriaDemocrática

Comparte este artigo, os teus amigos o agradecerán…
Mastodon: @LQSomos@nobigtech.es; Bluesky: LQSomos;
Telegram: LoQueSomosWeb; Twitter (X): @LQSomos;
Facebook: LoQueSomos; Instagram: LoQueSomos;

LQSomos

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Nos obligan a molestarte con las "galletitas informáticas". Si continuas utilizando este sitio aceptas el uso de cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar