A Coruña. Apoios III Marcha Cívica Casa Cornide

A Coruña. Apoios III Marcha Cívica Casa Cornide

Por Agencia Mp3*. LQSomos.

Reproducimos texto da moción redactada por Defensa do Común sobre a Casa Cornide que será defendida no pleno do vindeiro xoves polos grupos municipais da Marea Atlántica, BNG e a concelleira non adscrita Isabel Faraldo.

Suscriben dito texto, ata o momento, as seguintes organizacións: Marea Atlántica, BNG, Podemos, Anova, Unión Republicana, Esquerda Unida, Galiza Nova, CIG, Asociacións Veciñais de Atochas-Monte Alto, Agra do Orzán, Cidade Vella, Gaiteira-Os Castros, Castrillón, Feáns e Birloque; Vangarda Obreira, Plataforma en Defensa da Ría de Sada e Betanzos, Ateneo Libertario José Tarrío, AC. Alexandre Bóveda, AC. O Facho, AC. Gomes Gaioso, Acampa, Stop Desafiuzamentos, Proxecto Cárcere e CSAC Comuna.

Trátase dunha relación provisional que próximamente será ampliada con outras entidades que adiantaron xa a súa vontade de sumarse á III Marcha Cívica que terá lugar o 5 de novembro, dentro dun marco lúdico-reivindicativo de cara a acadar á recuperación da Casa Cornide para o patrimonio público…

Os grupos municipais de Marea Atlántica, do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e a concelleira non adscrita Isabel Faraldo Calvo, ao abeiro do Regulamento Organico Municipal, presentan a seguinte MOCIÓN, a iniciativa de Defensa do Común, e unha serie de organizacións, sobre a recuperación da Casa Cornide para o patrimonio público da Coruña.

Exposición de motivos

A familia do ditador Franco pon, novamente, á venda a Casa Cornide como se fose da súa propiedade. Non podemos calar e esta corporación, co apoio social das organizacións que presentan esta moción, quere facer chegar a esa familia que a súa actitude ten un rexeitamento social unánime.

Non é a primeira vez que esta corporación deixa claro o seu posicionamento. Así, o Pleno de 11 de setembro de 2017 xa aprobaba declarar “persoas non gratas” á familia Franco e que a Casa Cornide sexa devolta á cidade.

O Pleno de 12 de setembro de 2019, aprobaba por unanimidade una moción para a devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña. A I Marcha Cívica, convocada o 27 de outubro de 2018 por Defensa do Común e a Asociación Veciñal da Cidade Vella, reclamaba a devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña.

A Deputación da Coruña e o Parlamento Galego aprobaron iniciativas por unanimidade para que a familia Franco devolva o espoliado ou roubado. Así, o Parlamento Galego instaba ao Goberno do Estado o 11 de xullo de 2018 para que inicie as acciones legais para a recuperación do pazo de Meirás para o patrimonio público e que esta “non implique un novo custo para o pobo galego”. Unha sentenza de 2 de setembro de 2020 ordenaba a súa devolución ao patrimonio público, sen ningún tipo de compensación á familia do ditador Franco.

O Pleno municipal de 12 de setembro de 2019 aprobaba por unanimidade unha moción para que o concello tome medidas xurídicas para promover que a Casa Cornide pase a mans públicas.

O 7 de novembro de 2020, a iniciativa de Defensa do Común, 24 organizacións convocaban a II Marcha Cívica baixo o lema: POLA DEVOLUCIÓN DA CASA CORNIDE AO POBO DA CORUÑA. FRANQUISMO NUNCA MÁIS. E o Pleno de 1 de outubro de 2020 aprobaba unha moción apoiando esa Marcha.

A adquisición da Casa Cornide foi unha auténtica operación de Estado que se organizou durante varios anos. No podía aparecer como a transmisión dunha propiedade pública a unha persoa privada como Camen Polo, esposa de Franco, e por iso a solución para superar ese problema foi convocar unha poxa, previamente amañada.

A Casa Cornide foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes (Ministerio de Educación). Con Alfonso Molina como alcalde pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación Nacional, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque/zona escolar.

Poucos días despois de dita permuta, Sergio Peñamaría (sucede a Alfonso Molina como alcalde o 19 de maio de 1959), tramita a venda cunha sorprendente rapidez e o Pleno de 3 de xullo de 1962 acordaba a venda do palacio e tamén as bases para unha poxa que se celebra un mes despois. Barrié gaña a poxa-farsa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo. Tres días despois vendeu a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura.

O pazo de Meirás e a Casa Cornide son dúas caras dun mesmo espolio. Como dicía esa moción aprobada o 1 de outubro de 2020: “Significados franquistas que promoveron e participaron activamente nestes dous espolios -Alfonso Molina Brandao, Pedro Barrié de la Maza e Sergio Peñamaría de Llano- aínda conservan na Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas e todo tipo de distincións, que non pode admitir unha sociedade democrática”.

Manuel Rivas lía o manifesto ao final desa II Marcha Cívica e lembraba que este espolio se realizou “aproveitando o réxime de tiranía que se impuxo, despois dun golpe e unha guerra, durante décadas, por medio dunha represión criminal e mafiosa”. E remataba Manuel Rivas: ”Estamos decididos a convocar a III, IV Marcha Cívica e as que sexan necesarias até poñer fin ao espolio”.

A Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados aprobaba o 11 de marzo de 2021, cos votos a favor de PSOE, PP, Galicia en Común e BNG, “instar ao Goberno a apoiar as iniciativas tomadas polo concello da Coruña con obxecto de recuperar a Casa Cornide para o patrimonio público”.

Por outra parte, a Xunta de Galicia iniciaba o 14 de maio de 2021 o expediente para declarar BIC a Casa Cornide.

Recollendo este sentimento unánime, manifestado en numerosas mocións aprobadas pola corporación municipal e por diversas institucións, os grupos municipais de Marea Atlántica, Bloque Nacionalista Galego, e a Concelleira non adscrita, Isabel Faraldo Calvo, presentan a consideración do Pleno os seguintes

ACORDOS

1. Expresar a vontade corporativa de que, ao igual que no proceso do Pazo de Meirás se conxunten as actuacións e iniciativas administrativas e xudiciais coa mobilización cidadá aos efectos de acadar o obxectivo da reversión e reincorporación da Casa Cornide ao patrimonio público municipal.

2. Instar ao goberno municipal a que, concluído o proceso de elaboración da argumentación xurídica e histórica, presente antes de que acabe 2022 a correspondente demanda xudicial para anular o título de propiedade de dito inmoble e para a súa incorporación ao patrimonio público municipal da Coruña, sen prexuízo de calquera outra acción para revisar, anular e deixar sen efecto os actos e acordos municipais de enaxenación de dito ben.

3. Instar á Xunta de Galicia para que, antes de que acabe 2022, conclúa o expediente de declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural (BIC).

4. Considerar non grata a presenza da familia Franco na Coruña polo seu empeño en continuar co espolio e manter a propiedade da Casa Cornide.

5. Pedir á Comisión Municipal de Memoria Democrática que traslade ao Pleno para a súa aprobación a retirada de rúas, retratos, placas, monólitos e todo tipo de distincións ás persoas que impulsaron, organizaron ou participaron no espolio do pazo de Meirás e da Casa Cornide para beneficio de Franco e da súa familia.

6. Apoiar a III Marcha Cívica convocada polas organizacións citadas para o sábado, 5 de novembro de 2022, coa seguinte mensaxe: QUE DEVOLVAN TODO O ROUBADO. DESPOIS DO PAZO DE MEIRÁS, RECUPERACIÓN PARA O POBO DA CASA CORNIDE. E facilitar a infraestrutura necesaria. Ao mesmo tempo, o Goberno municipal difundirá o apoio a esta Marcha nos medios municipais.

7. Dar traslado dos presentes acordos á Administración Xeral do Estado e Xunta de Galicia, así como aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia e das Cortes do Estado.

8. Facultar á Alcaldía-Presidencia á execución destes acordos.

A Coruña, 5 de outubro de 2022
María García Gómez, Portavoz do GM da Marea Atlántica.
Francisco Xesús Jorquera Caselas, Portavoz do GM do BNG.
Isabel Faraldo Calvo, Concelleira non adscrita.

* Comisión Aberta en Defensa do Común da Coruña

#QueNosDevolvanORoubado #FranquismoNuncaMáis #CasaCornide
#FranquismoPostFranco

LoQueSomos – Casa Cornide
Galiza – LoQueSomos

Síguenos en redes sociales… Mastodon: @LQSomos@nobigtech.es Diaspora*: lqsomos@wk3.org Telegram: LoQueSomosWeb Twitter: @LQSomos Facebook: LoQueSomos Instagram: LoQueSomos

LQSomos

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Nos obligan a molestarte con las "galletitas informáticas". Si continuas utilizando este sitio aceptas el uso de cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar