Intervención de presas e presos políticos no pleno de Ferrol

Por Agencia Mp3*. LQSomos.

Estamos asistindo en Ferrol a un revisionismo da historia por parte das forzas máis reaccionarias. No seu relato non existiu a sublevación fascista do 18 de xullo de 1936, nin a ditadura. Difúndense biografías branqueadas de significados fascistas que conservan todo tipo de distincións…

O pleno de Ferrol do pasado 31 de marzo aprobou, sen votos en contra, a retirada de distincións a José María González Llanos y Caruncho, Contralmirante da Armada fascista (1958), que participa na sublevación militar e fascista do 18 de xullo de 1936, embarcando no cruceiro Canarias como Capitán de Corbeta.
O Partido Popular presentou unha moción para o pleno de hoxe para que non se execute o acordo do 31 de marzo e que non se retire a estatua que ten González Llanos no barrio de Esteiro, con esta inscrición no pedestal: «La Marina a su contralmirante».

Intervención do Colectivo de Presas e Presos de Ferrol na Ditadura* no pleno de 28 de abril de 2022 sobre as distincións a José María González-Llanos y Caruncho

Sr. Alcalde, concelleiras e concelleiros.

Moitas grazas pola oportunidade de intervir neste Pleno da corporación de Ferrol.

É a terceira vez que participamos. A primeira o 25 de abril de 2019 e o pleno aprobaba a retirada da distinción de Fillo Adoptivo a Manuel Fraga, concedida en 1965, cando era ministro da ditadura. A segunda o pasado 31 de marzo e o pleno aprobaba, sen votos en contra, a retirada de distincións a Salvador Moreno Fernández e José María González-Llanos y Caruncho.

Non podemos esquecer que despois desa sublevación militar do 18 de xullo de 1936, foron asasinadas máis de 1.000 persoas na nosa comarca, entre eles o alcalde Xaime Quintanilla Martínez e o Contralmirante Antonio Azarola, xefe do Arsenal Militar. Non podemos esquecer que, despois de finalizada a guerra civil, o fascismo fusilou a 200.000 persoas en todo o Estado e 750.000 estiveron en cárceres e campos de concentración. Non podemos esquecer a Resolución 39 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas de 12 de decembro de 1946: “De acordo coa súa orixe, natureza, estrutura e conduta xeral, o réxime de Franco é un réxime Fascista baseado no modelo da Alemaña nazi de Hitler e a fascista de Mussolini”. Non podemos esquecer a represión dunha ditadura criminal durante máis de 40 anos. Non podemos esquecer o 10 de marzo de 1972 cando foron asasinados Amador Rey e Daniel Niebla con máis de 50 feridos de bala. E non podemos esquecer que o concello de Ferrol, acabada a ditadura, tomou importantes decisións para a retirada dos restos do franquismo, sempre coa firme oposición de partidos da dereita e da extrema dereita.

Estamos asistindo en Ferrol a un revisionismo da historia por parte das forzas máis reaccionarias. No seu relato non existiu a sublevación fascista do 18 de xullo de 1936, nin a ditadura. Difúndense biografías branqueadas de significados fascistas que conservan todo tipo de distincións. Camilo Alonso Vega, ministro da represión, luce estas credenciais nunha escultura no Hospital Juan Cardona: “Hijo Ilustre de la ciudad. Soldado heroico. Gobernante ejemplar. Paradigma de lealtades y generoso benefactor”. Pedro Nieto Antúnez, significado falanxista e fascista, ministro na ditadura, é presentado como “patriota e gran marino“, e aínda conserva desde 1961 a distinción de Fillo Predilecto “por su constante apoyo a las aspiraciones del pueblo ferrolano en pro del mejoramiento y progreso de la ciudad”.

Esta é a historia oficial de José María González-Llanos y Caruncho: enxeñeiro, catedrático da Escola Superior de Enxeñería Naval de Madrid, director de Bazán, fundador de Astano etc; outra biografía branqueada. É hora de coñecer e difundir a biografía silenciada.

As persoas que participaron ou apoiaron a sublevación fascista de 1936 contra un goberno democrático, como é o caso de Salvador Moreno Fernández e José María González Llanos y Caruncho, non poden manter rúas, distincións honoríficas ou estatuas porque sería un desprezo ás vítimas do franquismo

González Llanos apoia a sublevación fascista do 18 de xullo de 1936 e poucos días despois cesa como director da Sociedad Española de Construcción Naval e embarca o 7 de agosto de 1936 como Capitán de Corbeta no cruceiro Canarias da Armada sublevada, desembarca o 7 de novembro de 1936 e, habilitado como capitán de navío, regresa ao seu posto de director. Non embarca no Canarias nun “cruceiro turístico”, senón que participa na batalla de Cabo Espartel. Unha placa colocada en xuño de 2018, con aprobación unánime (PSOE, PP e CS) do concello de Mijas (Malaga) lembra esta batalla: “En memoría de la tripulación del destructor Almirante Ferrándiz, buque de la II República Española. Fue hundido el 29 de septiembre de 1936 por el crucero Canarias, sublevado contra el gobierno democrático. Murieron entre 98 y 102 tripulantes. Diecisiete supervivientes fueron fusilados”. O cruceiro Canarias tivo un papel destacado na actuación da Armada fascista e en febreiro de 1937, sendo o seu comandante Salvador Moreno Fernández, participou no bombardeo de civís na chamada Desbandá, fuxida de miles de persoas pola estrada Málaga-Almería cando chega a Málaga o exército de Franco, provocando unha masacre con máis de 5.000 persoas mortas…

González-Llanos recibiu distincións pola súa participación no exército sublevado como a “Medalla de la Campaña (1936-1939)”, condecoración militar concedida entre 1938 e 1939, destinada a premiar tanto accións de vangarda (combate) como na retagarda. Recibía esa mesma distinción o ferrolán Gabriel Pita da Veiga y Sanz, almirante e ministro de Mariña na ditadura, que presenta a súa dimisión cando se legaliza o Partido Comunista. O pleno de 17 de abril de 1943, sendo alcalde Eduardo Ballester, concedía a González-Llanos a Medalla de Prata da cidade, o mesmo que os ministros da ditadura Alfonso Peña Boeuf e José Ibáñez Martín.

Como xa foi recollido nos medios de comunicación, a Comisión que promove a estatua de González Llanos hai 25 anos tiña como principal mentor a un antigo secretario xeral de Astano coa implicación da alcaldía do PP (o concello aporta 4,5 millóns de pesetas), da Marina e da asociación veciñal de Esteiro cun presidente próximo ao partido do goberno municipal (isto provocou o nacemento dunha nova asociación, Fontelonga). Non houbo ningunha “iniciativa popular”, como queda claro na declaración dos promotores nun xuízo: “Se creó una gestora que solicitó de la asociación vecinal que le cediese el NIF para realizar los pagos e ingresos, pero que el papel del colectivo acababa ahí. La comisión llegó a reunir más de seis millones de pesetas. Al llevar a cabo la fiscalización del gasto se encontraron, dijo, con que el presidente “se llevó toda la documentación”. Aseguró que algunos movimientos, como unos cheques, “no estaban aclarados”. (La Voz de Galicia, 15-4-2004).

Fálase de que foi un erro o acordo do pasado 31 de marzo e que é necesario un “amplo consenso”. Quere isto dicir que non se acabará cos restos do franquismo en Ferrol se non ten a aprobación do PP e de Vox?

A corporación municipal, con alcaldía socialista, tomaba un acordo histórico o 2 de marzo de 1981, dez días despois do intento de golpe de Estado do 23 de febreiro, e retiraba 61 rúas relacionadas coa sublevación fascista de 1936 e coa ditadura, entre elas as de González Llano (hoxe Circunvalación) e Salvador Moreno (hoxe Irmandiños). Non foi un erro. Daquela, a dereita defendía a permanencia desas rúas porque eran referentes de “hijos ilustres” de Ferrol. Corenta anos despois, Vox manifesta que está en contra da retirada daquelas rúas porque “son parte de la historia de la ciudad”.

En 1982 o pleno aprobaba recuperar o nome de Ferrol para a nosa cidade, a pesar do voto en contra da dereita, que quería manter “El Ferrol del Caudillo”. Non foi un erro

En xullo de 2001 retiraba a estatua ecuestre do ditador Franco, co alcaldía de Xaime Bello. Non foi un erro.

O pleno de novembro de 2008 retiraba ao ditador Franco as distincións de Alcalde Honorario, Fillo Predilecto e Medalla de Ouro, sen o voto a favor da dereita. Non foi un erro.

O pleno de setembro de 2009, presidido polo socialista Vicente Irisarri, solicitaba ao goberno a retirada dos nomes de golpistas e franquistas das rúas do Arsenal, entre elas a de González Llanos e Salvador Moreno. Non foi un erro.

En 2010 retirábase a Cruz dos Caídos da praza de Amboage. Non foi un erro.

O Pleno de 30 de xullo de 2018 acordaba a retirada de toda a simboloxía franquista que aínda quedaba en Ferrol e retirar do salón de plenos os retratos de alcaldes na ditadura até 1979, entre eles os de Eduardo Ballester e Joaquín González Llanos y Galvache, que foi tamén director axunto de Astano. Non foi un erro.

O Pleno de 25 de abril de 2019, con alcaldía de Jorge Suárez, acordaba “revisar as distincións honoríficas outorgadas durante a ditadura franquista con fin de anular as que teñan vinculación con este réxime”. Non foi un erro.

O acordo plenario do 31 de marzo de 2022, sen ningún voto en contra, retiraba as distincións a Salvador Moreno e González-Llanos, e non foi un erro.

Hoxe teriamos que estar a falar do memorial ás máis de 1.000 vítimas da represión franquista en Ferrolterra e non da estatua dun contralmirante da Armada fascista.

As persoas que participaron ou apoiaron a sublevación fascista de 1936 contra un goberno democrático, como é o caso de Salvador Moreno Fernández e José María González Llanos y Caruncho, non poden manter rúas, distincións honoríficas ou estatuas porque sería un desprezo ás vítimas do franquismo, un claro incumprimento de acordos plenarios de Ferrol desde hai máis de 40 anos, das Ordes e Resolucións do Ministerio de Defensa e da Lei de Memoria Histórica que no seu artigo 15 sinala: “As Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”.

Teñen completa actualidade as palabras da ferrolá e deputada socialista no Congreso en 2015: “É unha obriga moral recoñecer a tantas persoas que sufriron a represión. No pueden traicionar, señorías, la legalidad y no pueden decepcionar a las personas, a tantas personas que lucharon y que luchan para la recuperación de la dignidad de las víctimas del franquismo y, consecuentemente, para la recuperación de la dignidad de este país».

Fóra franquismo de Ferrol!

Moitas grazas pola súa atención.

* Presas/os políticas/os de Ferrol na ditadura:
Rafael Pillado Lista, Francisco Rodríguez Sánchez, Sari Alabau Albors, Vicente Couce Ferreira, Raúl Pillado Lista, Alfonso Tellado Sande, Antón Martínez Aneiros, Xosé Piñeiro Arnoso, Anxo Ferreiro Currás, Ignacio Fernández Toxo, Fina Varela Fontán, José María Freire Piñeiro, José Loureiro Fernández, Manuel Monge González e Ricardo Aneiros Sixto.

Galiza – LoQueSomos

Síguenos en redes sociales… Mastodon: @LQSomos@nobigtech.es Diaspora*: lqsomos@wk3.org Telegram: LoQueSomosWeb Twitter: @LQSomos Facebook: LoQueSomos Instagram: LoQueSomos

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Nos obligan a molestarte con las "galletitas informáticas". Si continuas utilizando este sitio aceptas el uso de cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar