Outro relato para Meirás

Manuel Monge*. LQS. Diciembre 2020

En realidade, o pazo de Meirás é un botín de guerra dos vencedores despois do levantamento militar e fascista do 18 de xullo de 1936, o mesmo que a Casa Cornide na Cidade Vella da Coruña, e o mesmo que os terreos gañados ao mar cun recheo, onde están hoxe o complexo deportivo de La Solana e o Hotel Finisterre na Coruña…

Após a sentenza de 9 de setembro de 2020 que obriga á familia Franco a devolver o pazo de Meirás porque é propiedade do Estado e sen compensación económica, están a difundirse informacións ou relatos interesados que, ás veces, non teñen nada que ver coa realidade. Un deses relatos sitúa a Feixoo e ao PP como principais promotores desa devolución. Cómpre, xa que logo, outro relato sobre o pazo de Meirás, lembrando as distintas fases, non só dos tres últimos anos, do que eu denomino a “Batalla de Meirás”, así como o papel xogado polas distintas institucións, Goberno do Estado, Xunta, organizacións políticas e asociacións memorialistas.

No limiar que escribín en 2017 para o libro Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Carlos Babío Urquidi e Manuel Pérez Lorenzo, falaba da necesidade dunha resposta cívica e unitaria: «Cando se cumpre en 2018 o 80º aniversario do espolio de Meirás, a resposta axeitada a aquela Junta Provincial Pro Pazo del Caudillo, é a constitución dunha Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás na que participen a Deputación e os concellos, así como asociacións que están a traballar pola devolución da memoria democrática, entidades, historiadoras e historiadores”. Esa proposta non era máis que a actualización da iniciativa que presentamos como Esquerda Galega no concello da Coruña en marzo de 1982: «Esta Corporación toma a iniciativa de formar unha comisión cidadá pro devolución, encabezada polo concello e aberta a outras entidades».

En realidade, o pazo de Meirás é un botín de guerra dos vencedores despois do levantamento militar e fascista do 18 de xullo de 1936, o mesmo que a Casa Cornide na Cidade Vella da Coruña, e o mesmo que os terreos gañados ao mar cun recheo, onde están hoxe o complexo deportivo de La Solana e o Hotel Finisterre na Coruña.

Na chamada Transición xa xurdiron voces na Coruña, entre elas da Asemblea Popular Galega, reivindicando en 1977 a devolución do pazo. E en 1982 presentamos como Esquerda Galega unha moción no concello da Coruña.

O alcalde da Coruña Joaquín López Menéndez anunciaba publicamente o 6 de marzo de 1982 o acordo para mercar o pazo de Meirás á familia Franco por 100 millóns de pesetas. O 25 de marzo celebrábase unha caravana de coches, convocada pola Federación de Asociacións de Veciños e sindicatos, en contra desa operación e para reivindicar a devolución. Dous días despois, o 27 de marzo, o alcalde comunicaba que a compra quedaba suspendida pola oposición dos grupos da esquerda.

A Comisión Permanente da corporación municipal da Coruña de 7 de abril de 1983, a iniciativa de Esquerda Galega (Gonzalo Vázquez Pozo e Pura barrio) aprobaba unha proposta para a devolución do pazo de Meirás ao patrimonio da Coruña. Votaron a favor PSdeG-PSOE, EG, Bloque e PCG, abstención de UCD e en contra de Coordinación Democrática, na que estaba Alianza Poupar (AP), despois PP.

O PP e a Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF)

O titular en portada do xornal Diario 16 de 7 de marzo de 1977 sobre o 1º Congreso de AP, recollía perfectamente as orixes do PP e a súa relación co franquismo: “NEOFRANQUISTAS ENTUSIASMADOS CELEBRARON SU PRIMER CONGRESO. Los siete líderes de Alianza Popular anunciaron su federación y el paso hacia un partido único. Gritos de Franco, Franco, Franco de 3.000 fervorosos congresistas”.

O PP sempre tivo unha actitude permisiva coa familia Franco, cando non de total colaboración coa FNFF. Esta fundación recibía 150.841 euros en subvencións do goberno de Aznar entre 2000 e 2003, e 53.713 euros da Xunta de Galicia do PP entre 2011 e 2013 para gastos de seguridade e organización das visitas do pazo de Meirás. O PP rexeitaba no Parlamento Galego unha iniciativa do BNG para que non fose a FNFF quen organizase esas visitas. Por outra parte, a Xunta non esixiu o cumprimento do réxime de visitas despois da súa declaración como BIC.

Entre os fundadores e membros do padroado da FNFF figuran significados franquistas e fundadores de Alianza Popular: falanxistas como José Utrera Molina, ministro con Franco e pai do actual avogado da familia Franco; José Antonio Girón de Velasco, ministro con Franco; Fernando Dancausa, candidato ao Senado por AP nas eleccións de 1977; Gonzalo Fernández de la Mora, tamén ministro con Franco, e Borja Benítez de Lugo, senador do PP.

A FNFF organiza todos os anos un acto de exaltación do ditador Franco, que outorga os títulos de “Caballeros y Damas de Honor” a aquelas persoas que destacan na defensa da figura de Franco. Entre os premiados en distintas edicións están significados dirixentes do PP: José María Velo de Antelo, fundador do PP e vicepresidente do 1º Congreso deste partido; Jesús López Medel, deputado do PP de 1996 a 2008. En 2016 tres dirixentes do PP eran premiados por incumprir a Lei de Memoria Histórica e pola súa “labor destacada en defensa de la verdad histórica y de la memoria del Caudillo Franco”: Juan Antonio Morales, Secretario Provincial de Badaxoz e deputado na Asemblea de Estremadura (hoxe en Vox); Ana Rivelles, alcaldesa do PP de Alberche del Caudillo, e Antonio Pozo, alcalde de Guadiana del Caudillo (hoxe en Vox). Nin Rajoy, nin Feixoo sabían nada.

Ramón Rodríguez Ares, alcalde de Sada polo PP durante 28 anos, foi un significado franquista e defensor de que a propiedade do pazo de Meirás continuase en poder da familia do ditador.

A constitución en 2004 da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) deu un impulso ao traballo de información e mobilización, convocando a I Marcha Cívica pola devolución o 19 de novembro de 2005. Na II Marcha de 18 de novembro de 2007 o actor Fernando Morán, veciño de Meirás, lía un manifesto cun título que resumía os nosos obxectivos: “Devolver ao pobo o que é do pobo”, que comezaba así: A propaganda oficial da ditadura mentiu durante corenta anos, pretendendo facer crer que o pazo de Meirás foi adquirido por subscrición popular e regalado a Franco. A verdade é que foi un auténtico roubo ao pobo. A iniciativa para mercar o pazo partiu das autoridades franquistas e de empresarios, que foron amplamente recompensados. Por iso Franco declaraba que “Nuestra Cruzada es la única lucha en que los ricos que fueron a la guerra, salieron más ricos”.

A CRMH enviaba unha carta á ministra de Administracións Públicas do PSOE, Elena Salgado, en xuño de 2008, solicitando a apertura dun expediente polo Estado para recuperar o pazo; a ministra contestou que enviásemos a petición á ministra de Facenda, é dicir, a ela mesma porque ocuparía ese ministerio desde abril de 2009. A petición non foi atendida e o PSOE non tomou ningunha iniciativa para conseguir a devolución do pazo.

A familia Franco celebraba o 8 de agosto de 2008 a voda dunha bisneta do ditador e ante esta provocación, a CRMH convocaba unha concentración reivindicativa e festiva na que participamos 500 persoas.

A CRMH dirixíase o 20 de novembro de 2008 ao xuíz Baltasar Garzón do Xulgado de Instrución n° 5 da Audiencia Nacional: «Solicitamos a Vostede que traslade á Fiscalía Xeral do Estado e ás Cortes Xerais a nosa petición de que se tomen as medidas precisas para a realización dun inventario dos bens que están en poder das familias dos responsábeis do golpe de Estado de 1936 e que foron adquiridos no exercicio do poder; e que se elabore a lexislación necesaria para que esas propiedades pasen ao patrimonio público». O xuíz Garzón, despoxado das súas competencias, contestou dicindo que enviásemos o escrito ao xulgado territorial correspondente». Despois de doce anos reclámase, novamente, a realización dese inventario.

En decembro de 2008 o pazo de Meirás era declarado como Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta do PSOE-BNG (Ánxela Bugallo era a conselleira de Cultura), sendo alcalde de Sada Abel López Soto, do BNG.

Como o pazo non se abría catro días ao mes, despois da súa declaración como BIC, a CRMH dirixiuse ao Valedor do Pobo, denunciando o «abandono de responsabilidades por parte da Xunta, que tiña que haber esixido o cumprimento da lei». Ademais de solicitar ao Valedor do Pobo que faga as xestións para que a Xunta obrigue á apertura do pazo, que non abone os gastos desa apertura ao público e que a Xunta realice un inventario para coñecer os obxectos que desapareceron.

Un grupo de traballo sobre o pazo de Meirás, constituído o 15 de xuño de 2017, a iniciativa da CRMH, acordaba dirixirse ás institucións e á Deputación da Coruña para constituír unha «Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás” coa participación da Deputación, concellos, entidades e asociacións memorialistas. Entre as iniciativas previstas estaba «demandar a retirada de títulos e honras a todos os membros da Junta pro Pazo del Caudillo». Pedro Barrié e Alfonso Molina, membros desa Junta, aínda conservan nomes de rúas e todo tipos de distincións.

Recollendo esta proposta da CRMH, a Deputación da Coruña acordaba en agosto de 2017 a constitución da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, que aproba o Pleno de 15 de setembro de 2017 cos votos a favor de PSdG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños, e a abstención do PP. Un manifesto, feito público o 19 de setembro de 2017, tiña o apoio de 33 concellos e 15 asociacións no Plenario da Xunta pro Devolución de 14 xe novembro de 2018, que presidía Goretti Sanmartín, Vicepresidenta da Deputación.

O 30 de agosto de 2017 un grupo de persoas, convocadas polo BNG, ocupaban simbólica e pacificamente o pazo de Meirás, colocando varias faixas con estes textos: “O pazo é do pobo galego”, “Franquismo nunca máis”, “Que nos devolvan o roubado”. A Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF) presentaba unha querela contra 19 das persoas participantes, entre elas Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, e pedía en conxunto 247 anos de prisión e medio millón de euros por “presuntos delitos de odio, danos, alzamento de morada e contra o honor”.

O 26 de setembro de 2017 máis de 30 persoas, convocadas polo BNG, realizaban unha toma simbólica da Casa Cornide –outro edificio roubado pola familia Franco ao patrimonio da Coruña a través dunha poxa amañada– subíndose ao balcón e colocando estas faixas: “Que nos devolvan o roubado”, “Franquismo nunca máis”. Foron denunciadas 9 persoas e sometidos a xuízo.
Unha delegación de eurodeputados do Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, coa participación de Ana Miranda do BNG, e un numeroso grupo de xornalistas visitaban o pazo de Meirás o 4 de maio de 2018. A foto do grupo cunha faixa diante do pazo recollía o obxectivo da visita: “Non á impunidade do franquismo. Pazo de Meirás, devolución”.

O pleno do Parlamento Galego de 11 de xullo de 2018 acordaba por unanimidade instar á Xunta a remitir urxentemente o informe elaborado pola comisión de expertos, instando ao Estado a que realice as accións legais necesarias para reintegrar o pazo de Meirás ao patrimonio público, sen que implique un novo custo para o pobo galego.

A iniciativa da CRMH, e convocada por más de 40 organización e entidades, celebrábase o 10 de novembro de 2018 a V Marcha a Meirás, que reclamaba a devolución a pobo galego e que o Estado presentase unha demanda civil contra a familia Franco. Ese mesmo día realizouse un roteiro explicativo.

A Deputación da Coruña organizaba unha gala artística-reivindicativa no teatro Colón o 4 de decembro de 2018, coincidindo co 80º aniversario da chamada “doazón” de 1938. Baixo o lema “Meirás, por un pazo público”, denunciaba o espolio dos Franco.
A Avogacía do Estado, apoiándose en informes históricos e xurídicos, elaborados a instancia da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, presentaba unha demanda contra os netos de Franco o 11 de xullo de 2019. Temos xa unha sentencia favorable, pero a «Batalla de Meirás» aínda non rematou porque, ademais da sentenza definitiva, quedan outros obxectivos: facer un inventario e esixir a devolución das propiedades da familia Franco en todo o Estado, resultado do espolio do ditador, utilizando a Xefatura do Estado; Ilegalización da Fundación Nacional Francisco Franco e de todas as que teñen como obxectivo a exaltación da ditadura franquista; retirar as rúas e distinción que aínda conservan en moitas institucións e concellos de Galiza os principais promotores do roubo de Meirás para favorecer á familia Franco: Pedro Barrié, Alfonso Molina e Sergio Peñamaría, entre outros.

#QueNosDevolvanORoubado #FranquismoNuncaMáis

* Sociólogo e ex presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña
Imagen de portada: Manuel Monge cun cartel no que se le ‘Fóra Okupas’ e ao fondo o Pazo de Meirás

– Os restos do franquismo en Galiza

Galiza – LoQueSomos

Síguenos en Facebook: LoQueSomos Twitter@LQSomos Telegram: LoQueSomosWeb Instagram: LoQueSomos

Deja un comentario

Nos obligan a molestarte con las "galletitas informáticas". Si continuas utilizando este sitio aceptas el uso de cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar