20-N: Día da Vergoña Nacional. 49 anos con Franco

20-N: Día da Vergoña Nacional. 49 anos con Franco
Escultura de Eugenio Merino. "Franco vota"

Por Manuel Monge*

Julián Casanova, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Zaragoza, presentaba en 2015 o seu libro “40 anos con Franco”. Este 20 de novembro podemos dicir 49 anos con Franco

Podería ser un bo día para lembrar que existe unha Lei de Memoria Democrática que non se cumpre e que en Galiza aínda existen moitos restos do franquismo –máis de 800 en case 100 concellos–, elementos contrarios á memoria democrática, que son ilegais, segundo esa lei. Isto é unha vergoña nacional!

Celebramos o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir, lembrando e homenaxeando en moitos concellos a persoas, como Alexandre Bóveda, vítimas do fascismo, que está moi ben, pero en moitos deses concellos, tamén nos gobernados pola esquerda, golpistas, fascistas, criminais e represores conservan nomes de rúas, placas, monólitos e todo tipo de honras e distincións.

Non hai uns criterios que se apliquen en todos os concellos, hai unha falta total de coordinación, as actuacións son contraditorias e perdemos credibilidade.

Temos unha monarquía herdeira do franquismo. O 22 de xullo de 1969 e ante o Pleno das Cortes, o ditador Franco propón a instauración da monarquía do Movemento e a Juan Carlos como o seu sucesor para que “todo quede atado y bien atado para el futuro”. Franco lembra que a orixe do réxime está na sublevación fascista: “nace de aquel acto decisivo del 18 de julio, que constituye un hecho histórico transcendente que no admite pactos ni condiciones”. Franco sinala que propón como o seu sucesor a Juan Carlos de Borbón y Borbón porque “ha dado claras muestras de lealtad a los principios e instituciones del Régimen”. O 23 de xullo de 1969 aceptaba o ofrecemento de Franco e cando Antonio Iturmendi, presidente das Cortes, pregunta a Juan Carlos, este responde: “Sí, juro lealtad a Su Excelencia el Jefe del Estado y fidelidad a los Principios del Movimiento Nacional y demás Leyes Fundamentales del Reino”. Juan Carlos recoñecía a lexitimidade da ditadura, resultado da sublevación, e os “sufrimientos necesarios”: “Quiero expresar en primer lugar, que recibo de su Excelencia el Jefe del Estado y Generalísimo Franco, la legitimidad política surgida del 18 de julio de 1936, en medio de tantos sacrificios, de tantos sufrimientos, tristes, pero necesarios, para que nuestra patria encauzase de nuevo su destino”.

O rei Juan Carlos fixo unha gran fortuna en paraísos fiscais e Suíza. Implicado en numerosos casos de corrupcións, fundacións e contas no estranxeiro, maletíns con millóns de euros, agasallos millonarios a “amigas entrañables”, cobro de comisións etc, que nunca foron declaradas á Axencia Tributaria.

Numerosos concellos comezan a retirarlle rúas e distincións polo seu comportamento pouco exemplar. O concello de Pontevedra (goberno BNG, PSdeG-PSOE) acordaba o 15 de febreiro de 2021 retirar a avenida Juan Carlos I como un “acto de xustiza, decencia e hixiene democrática”. O goberno de Navarra, presidencia socialista, retiraba o retrato do rei Juan Carlos da Sala de Goberno en xuño de 2020. Xixón, alcaldía socialista, cambiaba o nome da avenida Juan Carlos I porque “ya no representa los valores institucionales, morales y democráticos de la sociedad”. Pero conserva a Medalla de Bronce da Coruña (15-3-1976), bustos en Vigo e na fachada do concello de Ferrol e rúas en Santiago, Camariñas, Vilanova de Arousa, Culleredo e Vilagarcía de Arousa.

Golpistas como fillos adoptivos e predilectos. A placa da praza dedicada na Coruña a Enrique Cánovas Lacruz foi retirada hai moitos anos. A Comisión Xestora da Deputación da Coruña de 5 de xaneiro de 1937 aprobaba: “Que se declare por esta Excma. Corporación que los Excmos. Sres. D. Enrique Cánovas, Gobernador militar, D. Luis Tovar, Jefe del Estado Mayor, D. Pablo Martín Alonso, Coronel del Regimiento de Zamora número ocho y D. Florentino González Vallés, ex-Gobernador civil de La Coruña, son merecedores de pública admiración y gratitud por su actuación al frente del movimiento patriótico en La Coruña y que, en prueba de ello, la Diputación, haciéndose intérprete de un sentir general, nombre a dichos señores hijos adoptivos y predilectos de la provincia de La Coruña”. Estamos en 2024 e eses golpistas conservan as distincións cun goberno de PSOE-BNG.

O xeneral Ambrosio Feijóo participou en numerosos consellos de guerra, entre outros os que condenaban a pena de morte aos xenerais Enrique Salcedo Molinuevo e Rogelio Caridad Pita, que se mantiveron fieis á República, pero conserva unha rúa na Coruña – un informe do Instituo José Cornide de Estudos Coruñeses que recomenda a súa retirada– unha avendia en Camariñas, alcaldía do PSOE, e é Fillo Adoptivo de Carballo con alcaldía do BNG.

O concello de Ferrol, alcaldía do PSOE, retiraba en 1981 a rúa do golpista José Calvo Sotelo. A Deputación de Pontevedra aprobaba por unanimidade retirar a Calvo sotelo a distinción de Fillo Predilecto e a Deputación da Coruña acordaba, tamén por unanimidade, cambiar o nome do Instituto Calvo Sotelo, hoxe Rosalía Mera. O alcalde de Curtis do PP retiraba a rúa en Teixeiro, pero Calvo Sotelo aínda conserva oito distincións na Coruña: dúas rúas, retrato, Fillo Adoptivo, aparece en placas e monolitos, dá nome a un peirao.

“Non queremos ao camarada Fraga como fillo adoptivo”. Este era o título do manifesto de presas e presos políticos de Galiza na ditadura, que chegou a algúns concellos como Cedeira (Alcaldía do PSOE), e Ferrol (voto a favor de Ferrol en Común, PSOE e BNG), que retiraban a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo. Pero Fraga continúa como Fillo Adoptivo da Coruña (24-12-1968), alcaldía do PSOE, e conserva rúas e distincións, concedidas na ditadura cando era ministro, en numerosos concellos con gobernos de esquerda. Pero non é só Fraga, Santiago, alcaldía do BNG, conserva a distinción de Fillo Adoptivo a 20 ministros de Franco e Ferrol a 9.

O artigo 41 da Lei de Memoria Democrática de 2022 retira a Pedro Barrié de la Maza o título nobiliario de Conde de Fenosa para cumprir co obxecto desa lei: “Defensa dos valores democráticos e os dereitos e liberdades fundamentais” (artigo 1.3). Corcubión, alcaldía do PSOE, aprobaba unha moción do BNG e retiraba a Pedro Barrié a distinción de Fillo Adoptivo, pero ten unha avenida na Coruña e numerosas distincións por toda Galiza.

A cruz dos caídos de Neda foi retirada por unha grúa o pasado 16 de outubro, despois de votar en contra en dous Plenos (manifestaban que querían resignificar e facer un monumento de “concordia”, pero continúan as cruces dos caídos de Vigo (12 metros) alcaldía do PSOE, e de Pontevedra (16 metros), alcaldía do BNG, porque consideran que están resignificadas.

ESTE 20-N, FÓRA FRANQUISMO DE GALIZA!

* Sociólogo, investigador e vítima do franquismo.
Máis artigos do autor
Galiza – LoQueSomos

Comparte este artigo, os teus amigos o agradecerán…
Mastodon: @LQSomos@nobigtech.es; Bluesky: LQSomos;
Telegram: LoQueSomosWeb; Twitter (X): @LQSomos;
Facebook: LoQueSomos; Instagram: LoQueSomos

LQSomos

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Nos obligan a molestarte con las "galletitas informáticas". Si continuas utilizando este sitio aceptas el uso de cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar