A Coruña conserva 373 símbolos franquistas
Por Agencia Mp3*
Dezaseis anos despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica e dezasete meses despois da aprobación da Lei de Memoria Democrática (LMD), aínda quedan 373 símbolos franquistas na Coruña, unha auténtica vergoña! Isto quere dicir que, ademais de leis, cómpre vontade política para acabar cos restos do franquismo
Reproducimos a nota de prensa da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, así como o completo informe sobre os 373 símbolos franquistas que conserva a cidade da Coruña.
Nota de prensa:
A Coruña conserva 373 símbolos franquistas
Manuel Monge, sociólogo, vítima do franquismo e socio da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, presentaba en marzo de 2023, antes das eleccións municipais, o informe: POLA ELIMINACIÓN DA SIMBOLOXÍA FRANQUISTA DA CORUÑA. Proposta para un programa de goberno. Eleccións municipais 28 de maio de 2023
Un ano despois, a AC Alexandre Bóveda presenta este informe actualizado dos 373 elementos contrarios á memoria democrática, que continúan na nosa cidade e que deberían ser eliminados en aplicación da Lei de Memoria Democrática (LMD): 30 rúas; 21 retratos; 28 distincións honoríficas; 276 placas fascistas, escudos, esculturas; 14 simboloxía franquista dependente do Ministerio de Defensa; 4 centros de ensino.
As persoas que visitan o palacio municipal de María Pita poderán comprobar que o salón anexo á Alcaldía, utilizado tamén para actos institucionais, continúa presidido por grandes retratos de catro golpistas: José Calvo Sotelo e os xenerais Severiano Martínez Anido, Mario Muslera y Planes e Miguel Primo de Rivera.
O artigo 41.1 da LMD retira a Pedro Barrié de la Maza a distinción de Conde de Fenosa, o mesmo que a outros significados franquistas, pero Barrié mantén na Coruña unha das principais avenidas da cidade, retratos, esculturas, placas e distincións.
Os concellos de Bilbao, Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Pamplona, Cádiz etc, retiraron as rúas e distincións a todos os alcaldes da ditadura até 1979, que se celebran as primeiras eleccións municipais democráticas, pero os alcaldes e alcaldesa da Coruña na ditadura conservan un total de 30 rúas e distincións.
O Pleno da Coruña de 6 de maio de 2019 aprobaba unha moción instando a alcaldía a que se retiren honras e distincións a alcaldes que participaron na sublevación de 1936, xogaron un papel destacado na represión ou ocuparon postos de responsabilidade na ditadura. O Pleno do Barco de Valdeorras do 3 de outubro de 2019 aprobaba, por unanimidade (PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá) unha moción para informar ao concello da Coruña da actuación represiva de Sergio Peñamaría de Llano nesa comarca, que despois foi alcalde da Coruña. O Pleno do Barco de Valdeorras do 7 de outubro de 2021 aprobaba, novamente por unanimidade, unha moción que sinalaba “crueis e asasinas accións de represión ao servizo da ditadura” e do “sinistro paso de Peñamaría pola comarca de Valdeorras”. A moción aprobada “insta ao concello da Coruña a tomar en consideración a proposta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) en orde a substituír a rúa Alcalde Peñamaría de Llano pola de Mártires de Valdeorras”. Peñamaría conserva unha rúa e un retrato a pesar de que o informe presentado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, a petición do concello, pide que se retiren a Peñamaría a rúa e o retrato.
Alfonso Molina Brandao, alcalde da Coruña (1947-1958), foi Presidente da Cámara da Propiedade da Coruña até 1943, participando en actividades represoras, procesos de depuración laboral, en cumprimento dos decretos da Xunta de Defensa Nacional. Foi unha referencia do franquismo na Coruña e tivo unha estreita relación co ditador e a súa esposa. Como home de palla de Franco, participou no espolio de Meirás, como membro da Junta pro Pazo del Caudillo, e da Casa Cornide. O informe do Instituto José Cornide considera que se debe retirar a súa rúa, retrato, monólito en Porta Real e as distincións de Fillo Predilecto e Medalla de Ouro da Coruña.
No edificio de Madrid onde vive Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, hai unha placa franquista do Instituto Nacional da Vivenda (INV) co xugo e as frechas. Segundo este informe actualizado, A Coruña aínda conserva 251 desas placas en máis de 80 rúas (as tres rúas con máis placas franquistas son: San Isidoro 11, San Lucas 10 e Santo Tomás 10). Unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de 15 de abril de 2016 condenaba ao concello de Palencia (alcaldía do PP) a retirar “las placas de viviendas de toda la ciudad que tengan placa del INV por tener el escudo fascista”.
O informe recolle tamén unha proposta de corenta iniciativas que podería tomar o concello da Coruña para o desenvolvemento da Lei de Memoria Democrática en relación con: eliminación de elementos contrarios á memoria democrática; homenaxe e atención ás vítimas do franquismo; lugares da memoria; a memoria democrática no ensino; colaboración con asociacións e institucións.
A alcaldesa da Coruña é Inés Rey (PSOE), que é Vicepresidenta da Federación Española de Municipios e Provincias.
Esperamos que este informe sexa útil para os medios de comunicación e difundido para coñecemento da cidadanía.
⇒ Actualizado!!! Ver informe completo sobre 373 símbolos franquistas que conserva a cidade da Coruña ⇐
Comparte este artículo, tus amig@s lo leerán gratis…
Mastodon: @LQSomos@nobigtech.es Telegram: LoQueSomosWeb
Twitter: @LQSomos Facebook: LoQueSomos Instagram: LoQueSomos