A Coruña: O Concello denega a participación no Pleno ao Plataforma Cívica Galiza pola República
Por Agencia Mp3*
A Coruña ten alcaldesa do PSOE, pero hai outros moitos concellos onde o PSOE si considera este tema como de interese municipal e por iso debate, promove, aproba ou facilita mocións sobre a monarquía
Nota de prensa da Plataforma Cívica Galiza pola República e Polo Dereito a Decidir, colectivo que agrupa a 28 entidades de todo tipo da comarca da Coruña:
O Goberno municipal da Coruña impide intervir sobre o 10º aniversario da coroación de Felipe VI desde o escano cidadán no pleno
A solicitude da plataforma cívica GALIZA POLA REPÚBLICA E POLO DEREITO A DECIDIR (agrupa a 28 entidades de todo tipo da comarca da Coruña, que sinalamos abaixo) foi presentada o 28 de maio para intervir ao final do Pleno, desde o Escano Cidadán, “sobre o 10º aniversario da coroación do rei Felipe VI” (19 de xuño de 2014).
O luns, 3 de xuño, respondían a esa petición desde o Departamento de Participación Cidadá sinalando: “para avaliar a autorización da intervención, precisamos algo máis de detalle do tema que se vai expoñer. Polo tanto, rogámoslle remita á maior brevidade posible un resume detallado do contido da exposición”.
Ese mesmo día comunicábase o contido da intervención: “A persoa intervinte falará en nome de GALIZA POLA REPÚBLICA E POLO DEREITO A DECIDIR sobre a figura do exmonarca Juan Carlos e os motivos da súa abdicación, así como da necesidade dun referendo consultivo sobre o modelo político e institucional da forma de Estado. Consideramos que as diversas administracións do actual Estado, tal como son os Concellos, polo seu carácter democrático, deben dar paso ás opinións da cidadanía e as súas entidades representativas en exercicio dos seus dereitos constitucionais”.
Esta foi a resposta de Participación Cidadán ese mesmo día: “Consideramos suficiente no que respecta ao contido do tema que se vai expoñer”. Pero ese mesmo Departamento de Participación comunicaba dous días despois, mércores, 5 de xuño ás 15,16 horas, que “o órgano competente NON AUTORIZOU a súa intervención tras a sesión do Pleno ordinario do 06/06/2024, porque o asunto a expoñer non se considera de interese municipal”.
A Coruña ten alcaldesa do PSOE, pero hai outros moitos concellos onde o PSOE si considera este tema como de interese municipal e por iso debate, promove, aproba ou facilita mocións sobre a monarquía.
ATÉ CANDO A CORUÑA VAI SER UN SITIO DISTINTO PARA O PsoE?:
Pontevedra. O Goberno municipal (BNG, PSdeG-PSOE) acordaba o 15 de febreiro de 2021 cambiar a avenida Juan Carlos I por Virxinia Pereira (compañeira de Castelao), que era cualificado como un “acto de xustiza, decencia e hixiene democrática”.
Valencia. O Goberno (Compromís, PSOE) cambiaba en marzo de 2017 a dársena Marina Real Juan Carlos I por Marina de Valencia.
Baleares. O Goberno (PSOE, MES e Unidas Podemos, presidido polo PSOE), aprobaba o 17 de setembro de 2019 unha proposición non de lei pedindo ao CIS que pregunte sobre a monarquía.
Navarra. O Goberno da Comunidade Foral, presidido pola socialista María Chivite, retiraba o retrato do rei Juan Carlos da Sala de Goberno en xuño de 2020.
Vitoria. O Goberno (PNV-PSOE) cambiaba a avenida Juan Carlos I por “8 de Marzo” por falta de “ejemplaridad” e para “preservar los valores que deben representar aquellas personas que cuentan con una calle en la ciudad”.
Xixón. Alcaldía socialista (Goberno de PSOE-IU), cambiaba a avenida Juan Carlos I por José Manuel Palacio Álvarez (primeiro alcalde na democracia) porque “ya no representa los valores institucionales, morales y democráticos de la sociedad”, segundo María Pineda, portavoz municipal.
Getxo. Goberno de PNV, PSOE e Elkarrekin Podemos, retiraba o busto do rei Juan Carlos do salón de actos do Concello o 25 de xuño de 2020 porque “no merece estar en un lugar tan honorífico e simbólico”.
Vila Joiosa. Alcaldía socialista (goberno de PSOE, Compromís e Gent per La Vila), aprobaba cambiar a avenida Juan Carlos I por Doutor Pere Esquerdo no pleno de 16 de xullo de 2020. “Quien fue Jefe del Estado se ha aprovechado de su cargo para enriquecerse de manera ilícita, con una forma de hacer política que no tiene cabida en nuestra administración”, sinalaba a exposición de motivos.
Pinto. O Pleno de 30 de xullo de 2020 (alcaldía do PSOE) acordaba retirar o nome de Juan Carlos I ao parque máis grande do municipio, así como un busto na entrada do parque: “Alguien que no es capaz de tener unha conducta intachable no debe recibir homenaje público”.
Sada. O Pleno de 24 de setembro de 2024 aprobaba cos votos de Sada Maioría, BNG e Alternativa dos Veciños, e abstención do PSOE, “Instar ao Goberno do Estado a que inicie os procesos necesarios para a celebración dun referendo ou consulta á cidadanía sobre a forma de Estado: monarquía ou república”.
A Coruña, 6 de xuño de 2024
* Relación provisional de entidades: A.C. Alexandre Bóveda, A.C. O Facho, C.S. Gomes Gaioso da Coruña, A.C. Irmáns Suárez Picallo de Sada, Cultura Aberta de Carral, Anova, BNG, Corrente Vermella, Marea Atlántica, Podemos, Sada Maioría, Propolis, Unión Republicana, Galiza Nova, Xuventudes Socialistas, Erguer, CIG, Vangarda Obreira, Eira Vella de Betanzos, A.C. Vieiros de Oleiros, Colectivo das Pedras Galladas de Culleredo, A.C. Roxín Roxal de Paderne, A.S.C. Campo de Pena, Proxecto Cárcere da Coruña, CRMH da Coruña, Irmandade Moncho Valcarce, ARMH da Coruña.
Comparte este artículo, tus amig@s lo leerán gratis…
Mastodon: @LQSomos@nobigtech.es Telegram: LoQueSomosWeb
Twitter: @LQSomos Facebook: LoQueSomos Instagram: LoQueSomos