Ferrol: crónica pleno 1 de abril

Ferrol: crónica pleno 1 de abril

Por Manuel Monge. Lqsomos.

1 de abril de 1939, o exército fascista facía público en Burgos este “PARTE OFICIAL DE GUERRA:
En el día de hoy, cautivo y desarmado el Ejército rojo, han alcanzado las tropas Nacionales sus últimos objetivos militares. LA GUERRA HA TERMINADO. Burgos, 1º de abril de 1939. Año de la Victoria. El Generalísimo”.

1 de abril de 2022

O Batallón do Colectivo de Presas Presos Políticos de Ferrol na Ditadura, encadrado no Exército Popular Antifascista (EPA) gañou hoxe unha importante batalla para acabar cos restos do franquismo (votos a favor do PSOE, Ferrol en Común e BNG) fronte a un inimigo desmoralizado, que presentou pouca resistencia (abstención do PP). A guerra continúa.

Esta é a crónica do “Corresponsal de Guerra”, que participou directamente na batalla.

O Concello de Ferrol aproba a retirada de distincións a significados militares golpistas que participaron en 1936 na sublvación militar e fascista contra o goberno lexítimo da República

Antecedentes desta batalla

Decembro de 2018. O Colectivo de Presas e Presos políticos de Galiza na ditadura presentaba o manifesto NON QUEREMOS AO “CAMARADA FRAGA” COMO FILLO ADOPTIVO, cun importantes apoio de historiadoras e entidades de toda Galiza.

25 de abril de 2019. O Pleno de Ferrol, a iniciativa dese colectivo (votos a favor de Ferrol en Común, PSOE e BNG), retirar a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo concedida en 1965 (era ministro de Franco) polos seus servizos á ditadura. Fraga foi un significado militante fascista durante máis de 35 anos (afiliouse a Falanxe en 1937). Posteriormente, o concello de Cedeira (alcaldía do PSOE) retiraba Manuel Fraga, votos a favor do PSOE e BNG, o nome dunha avenida e a distinción de Fillo Adoptivo.

Decembro de 2020. O Colectivo de Presas e Presos Políticos de Ferrol enviaba un escrito á Ministra de Defensa informando que Defensa aínda mantiña 23 símbolos franquistas (13 deles en Ferrol) en instalacións dependentes do seu ministerio. Defensa contestaba a preguntas de deputados no Congreso: “Conforme a la información obrante en el Ministerio de Defensa, no consta que existan actuaciones pendientes en el Arsenal del Ferrol en lo que afecta al cumplimiento de la citada Ley 52/2007 de 6 de diciembre”.

Febreiro de 2022. Este colectivo presentaba unha denuncia contra o Ministerio de Defensa por incumprimento da Lei de Memoria Histórica.

17 de marzo de 2022. Unha Resolución do Ministerio de Defensa retiraba as rúas de nove militares golpistas do Arsenal de Ferrol.

Pleno de Ferrol de 31 de marzo de 2022

Comeza ás 19 horas e asisten para defender a moción Josefina Varela e Manuel Monge en representación do colectivo. É costume paralizar o Pleno ás 24 horas, quedando para unha próxima sesión os temas pendentes. Despois de cinco horas, ás 0 horas 4 minutos do 1 de abril o alcalde levanta a sesión.

Consultados os grupos municipais, o alcalde reanuda a sesión, que aborda as dúas últimas mocións: unha sobre eliminación de simboloxía franquista e outra sobre o Sahara.

Este “corresponsal” intervén en representación do Colectivo de Presas e Presos Políticos na moción sobre eliminación de simboloxía franquista en Ferrol:

“Somos conscientes de que a eliminación dos restos do franquismo en Ferrol non acaba hoxe. Sabemos do traballo da Mesa da Memoria Democrática, pero deixamos algúns exemplos do que queda por facer. Só pedimos coherencia e vontade política para acabar cos restos do franquismo porque imos con moito atraso.

Ferrol non pode manter as distincións de Fillos Predilectos e Fillos Adoptivos a nove ministros da ditadura.

Pedro Nieto Antúnez xa perdeu a distinción de Fillo Adoptivo na Coruña (alcaldía do PSOE) en 2009, que conserva en Ferrol.

Juan Antonio Suanzes é Fillo Predilecto e ten a Medalla de Ouro. Pero Ferrol xa cambiou o nome do seu instituto por Ferrolterra. Málaga, con alcaldía do PP, xa retirou a distinción de Fillo Adoptivo en 2007. Puertollano, con alcaldía do PSOE, retirou en 2019 a Medalla de Ouro e Brillantes.

Ferrol xa retirou en 1981 a rúa Jorge Vigón, hoxe As Páis, pero continúa de Fillo Adoptivo.

Fernando Suárez de Tangil é Fillo Adoptivo, pero o concello de Burgos con alcaldía do PP, e por unanimidade, xa lle retirou esa distinción en 2017.

Ferrol cambiou en 1981 o nome do parque Camilo Alonso Vega e a praza en 1983, pero aínda hai unha escultura que o define como “Hijo ilustre de la ciudad, soldado heroico, gobernante ejemplar”.

O significado franquista Pedro Barrié é Fillo Adoptivo e dá nome a unha rúa, pero en Sada, cos votos do PSOE e PP, xa cambiaron o nome da avenida Pedro Barrié e retiráronlle a distinción de Fillo Adoptivo.

O falanxista e participante na represión Enrique Salgado Torres xa perdeu a rúa en 1981, hoxe Alcalde Quintanilla Martínez, asesinado polo fascismo, pero hoxe é Fillo Adoptivo.

O rei Juan Carlos I xa perdeu distincións, rúas e esculturas en moitos concellos. En Pontevedra, por exemplo, cambiaron o nome da súa avenida cos votos a favor de BNG e PSOE, pero aínda non se retirou un busto da fachada do concello e un retrato.

Saben vostedes que poden contar coa nosa colaboración nesa Mesa de Memoria Democrática.

Os tempos son chegados. Acabemos con esta vergoña.
Fóra franquismo de Ferrol!”

Despois do debate, ás 0 horas e 34 minutos do 1 de abril, o Pleno aproba a moción con estes:

Acordos

1. Trasladar ao Ministerio de Defensa a petición de que as rúas alternativas para o Arsenal sexan as apoiadas polos militares asinantes do Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadas.

2. Retirar a distinción de Fillo Predilecto de Ferrol a Salvador Moreno Fernández.

3. Retirar a distinción de Fillo Predilecto a José María González-Llanos y Caruncho, así como a estatua que ten na rotonda do barrio de Esteiro.

4. Retirar da igrexa castrense de San Francisco a placa de homenaxe da Armada ao Cruceiro Baleares.

5. Instar ao goberno municipal a que realice xestións co bispado de Mondoñedo-Ferrol para retirar da igrexa de San Francisco a cruz dos “Caídos por Dios y por España”, así como a placa nesa igrexa con referencia ao bautismo do “Generalísimo”.

6. Instar ao goberno municipal para que solicite ao Ministerio de Defensa que os restos de Salvador Moreno Fernández e Francisco Moreno Fernández sexan retirados do Panteón de Mariños Ilustres de San Fernando (Cádiz).

Presas/os políticas/os de Ferrol na ditadura que apoian a presentación desta moción:
Rafael Pillado Lista, Francisco Rodríguez Sánchez, Sari Alabau Albors, Vicente Couce Ferreira, Raúl Pillado Lista, Alfonso Tellado Sande, Antón Martínez Aneiros, Xosé Piñeiro Arnoso, Anxo Ferreiro Currás, Ignacio Fernández Toxo, Fina Varela Fontán, José María Freire Piñeiro, José Loureiro Fernández, Manuel Monge González e Ricardo Aneiros Sixto.

A “Guerra continúa”

Despois desta batalla a “guerra” continúa en Ferrol e noutras importantes ciudades da provincia. Así, a Comisión pola recuperación da Memoria Histórica da Coruña xa sinalou que nesta cidade (alcaldía do PSOE) aínda quedan 111 restos do franquismo; Na Deputación da Coruña (presidencia do PSOE) aínda quedan 37 símbolos franquistas; os catro militares que organizaron na Coruña a sublevación do 18 de xullo de 1936 (houbo máis de 600 asasinatos na comarca) foron distinguidos pola Deputación da Coruña o 5 de xaneiro de 1937 como Fillos Adoptivos e Predilecto da provincia, distinción que conservan hoxe. En Santiago (alcaldía do PSOE) quedan 50 símbolos franquistas (20 ministros de Franco son Fillos Adoptivos). Betanzos (Alcaldía do PSOE) conserva 14 símbolos franquistas.

O “Corresponsal de Guerra” Manuel Monge, continuará informando das próximas batallas.

Galiza – LoQueSomos

Síguenos en redes sociales… Mastodon: @LQSomos@nobigtech.es Diaspora*: lqsomos@wk3.org Telegram: LoQueSomosWeb Twitter: @LQSomos Facebook: LoQueSomos Instagram: LoQueSomos

LQSomos

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Nos obligan a molestarte con las "galletitas informáticas". Si continuas utilizando este sitio aceptas el uso de cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar