Galiza 21N: Non queremos monarquía, herdeira do franquismo

Agencia Mp3*. LQS. Noviembre 2020

Manifesto de Galiza pola República 45 aniversario da proclamación de Juan Carlos como rei. Galiza non ten rei. Que devolvan o roubado

Na Coruña, e convocada por 25 organizacións, haberá unha concentración o sábado, 21 de novembro ás 18,30 horas no Obelisco (Cantón Grande), que xa foi comunicada á semana pasada á Subdelegación do Goberno en Galicia, como é preceptivo. Non hai ningún problema legal e xa recibimos onte notificación, lembrando a normativa vixente, que xa anunciamos na convocatoria. É hora de acabar con esta vergoña. Por iso desde Galiza pola República lanzamos o manifesto:

45º aniversario da proclamación de Juan Carlos como rei
NON QUEREMOS MONARQUÍA, HERDEIRA DO FRANQUISMO.
GALIZA NON TEN REI. QUE DEVOLVAN O ROUBADO

Reivindicamos a República e rexeitamos a monarquía porque é incompatíbel cun sistema democrático. É un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas.

O ditador Franco, que encabezou en 1936 o levantamento militar e fascista contra a democracia, nomeou a Juan Carlos como o seu sucesor en 1969 “para que todo quede atado y bien atado para el futuro”. A monarquía actual é, polo tanto, herdeira do franquismo, daqueles que deron un golpe de Estado contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas. O ditador Franco xa decidiu elixindo a Juan Carlos e agora, 50 anos despois, queremos decidir nós.

Durante os seus 39 anos de reinado o rei Juan Carlos nunca condenou a ditadura franquista e nas súas manifestacións públicas falaba da “legitimidad política surgida el 18 de julio de 1936”, manifestaba “respeto y gratitud a nuestro Generalísimo Franco”, rendía “homenaje a su memoria”, falaba do “patriotismo” e “cualidades humanas” do ditador, a quen cualificaba como “figura excepcional”, “gran figura de nuestra historia”, “ejemplo único de amor a España”. Juan Carlos sempre manifestou “un gran afecto y una gran admiración” polo ditador Franco.

Franco falecía o 20 de novembro de 1975 e dous días despois, non escatimaba eloxios a Franco como “estadista” e “figura excepcional” no seu discurso de proclamación como rei de España perante as Cortes: “Una figura excepcional entra en la historia. El nombre de Francisco Franco será ya un jalón del acontecer español y un hito al que será imposible dejar de referirse para entender la clave de nuestra vida política contemporánea. Con respeto y gratitud quiero recordar la figura de quien durante tantos años asumió la pesada responsabilidad de conducir la gobernación del Estado. Su recuerdo constituirá para mí, una exigencia de comportamiento y de lealtad para con las funciones que asumo al servicio de la patria. Es de pueblos grandes y nobles el saber recordar a quienes dedicaron su vida al servicio de un ideal. España nunca podrá olvidar a quien como soldado y estadista ha consagrado toda la existencia a su servicio”.

A monarquía borbónica está agradecida a Franco e a súa familia porque Juan Carlos foi rei pola designación do ditador. Por iso o rei Juan Carlos concedía á familia Franco, só seis días despois do falecemento do ditador, os títulos nobiliarios de Ducado de Franco e Señorío de Meirás, e fixo todo o posíbel para que os sucesivos gobernos non molestasen a esa familia e conservasen, entre outros, o pazo de Meirás e a casa Cornide, mentres aumentaba o seu patrimonio e facían grandes negocios.

Juan Carlos dedicouse á boa vida durante os anos de “preparación” para acceder á xefatura do Estado. Nunca fixo unha autocrítica dos discursos que pronunciou de exaltación da figura do ditador. Nese tempo non se coñece ningunha declaración de condena das actuacións criminais da ditadura, nin a favor dun sistema democrático, pero o guión da propaganda oficial difunde masivamente que foi unha peza fundamental na conquista da democracia.

A abdicación do rei Juan Carlos en 2014 non tivo outro obxectivo que salvar unha monarquía en descomposición e desprestixiada por numerosos casos de corrupción. Puxeron un novo rei en quince días, como fixeron en agosto de 2011 cunha reforma do artigo 135 da Constitución. Ante esta nova imposición, houbo un importante apoio para que o pobo decida e 68 eurodeputados/as de diversos grupos do Parlamento Europeo manifestaban: “Pedimos que se permita a celebración dun Referendo no Estado Español arredor do futuro da monarquía, que permita á cidadanía elixir libremente a forma de Estado que prefire, monárquica ou republicana, para abrir un proceso constituínte en que, ao tempo que se resolve a forma de Estado, se recoñeza o dereito a decidir dos pobos que conforman a súa realidade plurinacional”.

Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro como pobo. Partindo desa realidade plurinacional, do recoñecemento da soberanía da nación galega e o seu dereito democrático a decidir, estamos pola convocatoria dun referendo consultivo para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político e institucional e escoller a forma de Estado: monarquía ou república. Coa celebración dese referendo iniciaranse procesos constituíntes que recoñezan o dereito de autodeterminación ás nacións que integran hoxe o Estado español.

Temos unha monarquía caduca e corrupta. Non estamos a falar de sospeitas, senón de feitos comprobados sobre a existencia de Fundacións fóra do Estado, contas secretas, cobro de comisións, etc, que poderían ser constitutivos, como mínimo, dos delitos de branqueo de capitais e fraude fiscal.

Queremos que se investiguen todos os ingresos de Juan Carlos Borbón e de toda a Familia Real en concepto de comisións e outras actividades económicas durante todo o seu reinado; os bens e patrimonio de todos os seus membros, así como as contas nos bancos. Queremos que reembolsen ao patrimonio do Estado as partidas económicas que recibiron con cargo ao Orzamento da Casa do Rei, así como o patrimonio adquirido irregularmente. Denunciamos a actuación do Goberno que, en colaboración coa Casa Real, facilitaba a fuxida do Rei Juan Carlos a Emiratos Árabes Unidos.

Queremos unha República laica, que acabe cos privilexios da igrexa católica, igualitaria, xusta e radicalmente democrática, que lexisle para a inmensa maioría da sociedade, poña freo á corrupción e ao enriquecemento sen límites duns poucos; que acabe cos recortes sociais que empobrecen ás clases populares. Unha República que recupere a memoria histórica, acabe coa impunidade e condene a aqueles que durante a Ditadura cometeron crimes contra a humanidade, que non prescriben. Queremos xustiza e reparación para as vítimas do franquismo. A derrogación da Lei de Amnistía de 1977, tal e como recomendaron Amnistía Internacional e a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, porque incumpre o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos das Nacións Unidas de 1966, asinado polo Estado Español en 1976.

Avogamos por un novo 14 de abril que liquide definitivamente o franquismo, incrustado nas institucións, e permita a libre expresión de todos os que consideren que se pode mudar as estruturas do Estado para facelas máis transparentes, participativas e ao servizo da cidadanía.

A República é o ecosistema natural onde xerminan as mellores especies da historia: a liberdade, a creación cultural, a igualdade, esa cuestión fundamental do noso tempo. Estamos a vivir un tempo en que se acentúan as desigualdades e mesmo vólvese a formas de desigualdade que considerabamos superadas, como é o caso da muller e das minorías estigmatizadas. A monarquía é a grande metáfora da desigualdade, que nós rexeitamos.

Facemos unha chamamento ás organizacións políticas, sindicais, fundacións e todo tipo de asociacións e entidades da nosa nación para que se incorporen a esta plataforma cívica, difundan e consigan apoios para este manifesto, constitúan grupos territoriais e participen nas actividades programadas.

* Galiza pola República e polo dereito a decidir

    • está integrada polas seguintes entidades da comarca da Coruña:

A.C. Alexandre Bóveda, A.C. O Facho, A.C. Irmáns Suárez Picallo, C.S. Gomes Gaioso, Cultura Aberta de Carral, C.S. A Comuna, Acción Antifascista, Anova, BNG, Corrente Vermella, En Marea, Equo, Esquerda Unida, PCG, Podemos, Propolis, Unión Republicana, Galiza Nova, Isca, XCG, Marea Atlántica, Vangarda Obreira, CIG, Compromiso por Galicia, CRMH.

Síguenos en Facebook: LoQueSomos Twitter@LQSomos Telegram: LoQueSomosWeb Instagram: LoQueSomos

LQSomos

One thought on “Galiza 21N: Non queremos monarquía, herdeira do franquismo

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Nos obligan a molestarte con las "galletitas informáticas". Si continuas utilizando este sitio aceptas el uso de cookies. más información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar