Sesenta e cinco restos do franquismo en Santiago
Por Manuel Monge*
Presentada información sobre os 65 elementos contrarios á Memoria Democrática no Concello de Santiago, para a súa inclusión no catálogo do estado
Como vítima do franquismo e investigador, acolléndose ao artigo 36.2 da Lei de Memoria Democrática –“poderán incluírse no Catálogo aqueles elementos que se soliciten polas vítimas, os seus familiares ou as entidades memorialistas, en defensa de seu dereito ao honor e a dignidade, ou resulten de estudos e traballos de investigación”– presentou hoxe, venres, 20 de decembro, ás 9,13 horas polo rexistro da Subdelegación do Goberno da Coruña unha información dirixida ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática sobre 65 elementos contrarios á memoria democrática, que aínda ten o concello de Santiago de Compostela, para a súa inclusión no Catálogo do Estado.
Só a provincia da Coruña conserva hoxe, cando van cumprirse 50 anos da morte do ditador Franco, 680 restos do franquismo en 41 concellos, que é unha ilegalidade, un desprestixio das institucións democráticas, unha ofensa e humillación para as vítimas do franquismo e unha vergoña para Galiza.
Estes son algúns dos compromisos políticos, que non foron cumpridos, e xa é hora de facer unha autocrítica. O Pleno da corporación municipal (goberno PSOE-BNG) de 27 de maio de 2010 aprobaba unha proposta do BNG (voto en contra do PP) para realizar un censo dos símbolos franquistas existente na cidade para a súa retirada. Segundo o BNG, o concello “comezará de inmediato os trámites necesarios para a retirada da inscrición existente na praza da Quintana”. Tamén sinalaba que se retirará o nome das rúas de personaxes vinculados ao réxime ditatorial. Quince anos despois continúa o nome de José Antonio Primo de Rivera na praza da Quintana, non existe un censo e persoas vinculadas á ditadura, como Manuel Fraga, conservan unha rúa.
Manuel Dios, concelleiro e presidente da Comisión de Condecoracións do concello de Santiago de Compostela do goberno de Compostela Aberta, manifestaba o 12 de novembro de 2015 que non pode haber condecoracións municipais para cargos públicos da ditadura e anunciaba a vontade do goberno municipal de retirar honores ao ditador Franco –tiña desde 1946 a Medalla de Honor de Ouro– e a máis de 40 cargos franquistas (28 ministros).
O BNG presentaba en febreiro de 2017 unha proposta no Pleno municipal para eliminación de simboloxía franquista, recollendo datos dun estudo realizado pola Comisión de Historia de Gentalha do Pichel, que foi aprobada por unanimidade. Este foi o acordo: “O Concello de Santiago iniciará xestións para retirar escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de enxalzamento da Ditadura franquista que aínda permanecen en diversos inmóbeis da cidade”.
O Pleno de 19 de xullo de 2018 aprobaba –votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG, e abstención do PP– retirar as distincións honoríficas a estes nove ministros na ditadura: José Solís Ruíz, Pedro Nieto Antúnez, Tomás Garicano Goñi, Gonzalo Fernández de la Mora, Federico Silva Muñoz, Manuel Lora Tamayo, Adolfo Díaz Ambrona, José Antonio Girón de Velasco e Laureano López Rodó. Manuel Dios, concelleiro de memoria histórica, sinalaba que se retiraban esas distincións aos ministros “en cumprimento da Lei de Memoria Histórica”. O PP acusaba aos grupos de esquerda de “mendacidad, exclusión, frivolidad y un indicio de contrabandismo de distinciones”.
María Rozas, daquela alcaldesa en funcións de Compostela Aberta e hoxe Tenente Alcaldesa do goberno municipal, insistía o 19 de agosto de 2018 na retirada de distincións a ministros franquistas e declaraba en Teo: “Temos que rachar coa amnesia imposta con actos como este, co nomeamento de Ánxel Casal como Alcalde de Honra de Santiago, coa retirada dos seus recoñecementos aos ministros franquistas ou coa reclamación dos bens espoliados polo ditador. Son xestos de xustiza”. Seis anos despois 23 ministros de Franco dan nomes a rúas e conservan medallas e a distinción de Fillos Adoptivos de Santiago. Goretti Sanmartín, daquela portavoz municipal do BNG, criticaba o 22 de abril de 2022 a falta de vontade política do PSOE de Santiago na recuperación da memoria histórica e denunciaba que a simboloxía franquista segue sen retirarse da praza da Quintana.
A situación de Santiago non é un caso excepcional, como xa teño comunicado ao Ministerio correspondente, colaborando na elaboración dun Catálogo de elementos contrarios á memoria democrática en todo o Estado. Esta sería a actualización deses catálogos, que xa enviei, unha auténtica vergoña nacional: a cidade da Coruña, alcaldía do PSOE, ten 378 elementos contrarios á memoria democrática (254 corresponden a placas con simboloxía franquista do Instituto Nacional da Vivenda en 85 rúas, e 35 corresponden a rúas, placas, esculturas e distincións a alcaldes e alcaldesa durante a ditadura); a Deputación da Coruña, goberno PSOE-BNG, conserva 37, entre eles as distincións de Fillos Adoptivos da provincia a catro militares (Enrique Cánovas Lacruz, Florentino González Vallés, Luis Tovar Figueras e Pablo Martín Alonso), principais promotores do golpe de Estado de 1936 na Coruña, concedidas pola Deputación o 5 de xaneiro de 1937; Ferrol, con alcaldía do PSOE até 2023 e agora do PP, conserva 63 elementos contrarios á memoria democrática.
Axunto o documento total de 26 páxinas, que inclúe un anexo de 19 páxinas para xustificar a retirada deses restos do franquismo, información recollida do libro de Manuel Monge OS RESTOS DO FRANQUISMO EN GALIZA (Edicións Laiovento, 2020).
* Sociólogo, investigador e vítima do franquismo.
Máis artigos do autor
Galiza – LoQueSomos
#Verdade #Xustiza #Reparación
#MemoriaDemocrática
Comparte este artigo, os teus amigos o agradecerán…
Mastodon: @LQSomos@nobigtech.es; Bluesky: LQSomos;
Telegram: LoQueSomosWeb; Twitter (X): @LQSomos;
Facebook: LoQueSomos; Instagram: LoQueSomos