V Marcha pola Recuperación da Casa Cornide, A Coruña
Por Agencia LQS*
La V Marcha pola Devolución da Casa Cornide se celebrará el próximo día 14 y está convocada por 60 entidades de A Coruña y su área metropolitana, según informa Defensa do Común. La protesta saldrá a las 13.00 de la plaza de María Pita / O sábado, 14 de decembro, con saída ás 13 horas da praza de María Pita da Coruña vai celebrarse a V Marcha pola devolución da Casa Cornide, hoxe en poder da familia do ditador Franco
Nota de prensa:
60 ENTIDADES DA COMARCA DA CORUÑA CONVOCAN PARA O 14 DE DECEMBRO
A V MARCHA POLA DEVOLUCIÓN DA CASA CORNIDE
Unha moción pola devolución da Casa Cornide ao patrimonio municipal foi aprobada por unanimidade no Pleno municipal de 12 de setembro de 2019, así como que o concello presente unha demanda no xulgado para recuperar a propiedade
O Pleno municipal da Coruña de 11 de setembro de 2017 declaraba aos Franco como “persoas non gratas”. E o Pleno de 12 de setembro de 2019 aprobaba unha moción por unanimidade para a devolución da Casa Cornide ao patrimonio municipal e que o concello presente unha demanda xudicial no Xulgado para recuperar a propiedade, que está pendente de resolución despois de presentar o concello as correspondentes informes históricos e xurídicos. Por outra parte, a Xunta de Galicia iniciaba o 14 de maio de 2021 o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide, que era aprobado o 27 de abril de 2023.
Dezanove meses despois a Casa Cornide segue pechada a visitas públicas, infrinxindo a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia que obriga aos propietarios a apertura de catro días ao mes e un mínimo de catro horas cada día cando hai unha declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), como é o caso.
Isto é posíbel pola permisividade da Xunta coa familia Franco, que alega agora que é unha vivenda particular e que alí vive xente, cousa totalmente falsa e posíbel de comprobar cunha inspección da Xunta. Por outra parte, a Xunta considera que esta continuada infracción da lei é leve e anuncia unha proposta de sanción ridícula de 3.000 euros. A Xunta de Galicia non aplica unha sanción exemplar ao Franco por negarse reiteradamente a cumprir a lei, e a familia do ditador propón a apertura da Casa Cornide se hai un convenio coa Xunta. Estamos ante unha chantaxe, absolutamente inaceptable, que xa aceptou a Xunta de Feijóo no caso do pazo de Meirás, pagando aos Franco máis de 50.000 euros a través de varios convenios, que non se pode repetir.
Lembramos que os Franco son hoxe multimillonarios grazas a todo o roubado polo ditador e deberían pagar integramente os gastos de apertura da Casa Cornide catro días ao mes. Se os Franco non queren asumir eses gastos deberían devolver esa propiedade ao concello da Coruña.
Consideramos que se por parte da familia Franco hai unha “continuidade ou persistencia na conduta infractora” (artigo 134.3.a da citada lei), podería ser unha infracción penal, como sinala o artigo 289 do Código Penal: “O que por calquera medio destruíse, inutilizara ou danase unha cousa propia de utilidade social ou cultural, ou de calquera modo subtraésea ao cumprimento dos deberes legais impostos en interese da comunidade, será castigado coa pena de prisión de tres a cinco meses ou multa de seis a 10 meses”.
O Manifesto da convocatoria da V Marcha esixe ao Goberno Municipal que traslade á Comisión de Honras e Distincións e ao Consello Municipal de Memoria Histórica, sen máis dilación, a proposta de retirada de rúas e distincións a Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano, principais promotores do espolio do pazo de Meirás e Casa Cornide para beneficio do ditador Franco. E que execute xa a proposta do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para a retirada de rúas e distincións a 14 persoas pola súa participación no Golpe de Estado de 1936, colaboradores ou cargos públicos na ditadura ou que participaron na represión, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática, independentemente das futuras ampliacións do informe dese Instituto.
Fóra os okupas da Casa Cornide!
Recuperación para o pobo da Casa Cornide!
Fóra franquismo da Coruña!
* Apoios:
Defensa do Común, CRMH, ARMH.
Organizacións políticas: Sumar, BNG, Marea Atlántica, Unión Republicana, PCG, Verdes-Equo, Sada Maioría, Alternativa dos Veciños, Corrente Vermella, Podemos, Xuventudes Socialistas, Xuventudes Comunistas de Galicia, Erguer.
Sindicatos: CIG, UGT, CCOO, CUT, CNT, CGT, Sindicato de Estudantes.
Asociacións Veciñais: Federación de Asociacións Veciñais da comarca da Coruña, Agra do Orzán, Monte Alto, Palavea, Eirís, Labañou, San Cristobal das Viñas-Birloque, Feans, Gaiteira-Os Castros, Castrillón-Urbanización Soto.
Asociacións Culturais: Alexandre Bóveda, O Facho, Gomes Gaioso, Irmáns Suárez Picallo de Sada, Eira Vella de Betanzos. Campo de Pena de Palavea, Vieiros das Mariñas, Roxín Roxal de Paderne. Manchea, Plataforma en Defensa da Ría de Sada-Betanzos, Acampa, Forum Propolis, Vangarda Obreira, Irmandade Moncho Valcarce, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Ergosfera, Ecoloxistas en Acción, Proxecto Cárcere, Hábitat Social, Galiza Nova, A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega, Amigos dos Museos de Galicia, Colectivo das Pedras Galladas de Culleredo, Cultura Aberta de Carral, Amnistía Internacional.
Comparte este artículo, tus amig@s lo agradecerán…
Mastodon: @LQSomos@nobigtech.es; Bluesky: LQSomos;
Telegram: LoQueSomosWeb; Twitter (X): @LQSomos;
Facebook: LoQueSomos; Instagram: LoQueSomos;